Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Multiplícase a mobilización contra os parques eólicos na Costa da Morte

Constituíuse a Coordinador Bergantiñá pola Defensa da Terra // O Semescom presentou alegacións aos proxectos que afectan aos Penedos de Traba e Pasarela

Diversas plataformas, colectivos e asociacións da comarca de Bergantiños (Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Plataforma Monte Neme, Contramínate, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Ambiental Senda Nova, Plataforma Non Eólicos Bustelo-Campelo–Monte Toural, Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Monte Neme de Oza e Colectivo Veciñal Xente do Rural de Corme) constituíron a Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra, coa finalidade de agrupar e coordinar “un movemento que poida dar unha resposta por parte da sociedade civil a certos macroproxectos que afectan gravemente a vida social e económica dos veciños, así como ao medio onde viven”, afirman.

Entre os seus obxectivos principais están a identificación, estudo e avaliación dos problemas ambientais e socioeconómicos derivados da implantación masiva de parques eólicos na zona, os cales, sinalan, “afectarán gravemente ao territorio, provocando danos irreversibles, creando grandes impactos tanto paisaxísticos como sociais na veciñanza bergantiñá”.

A coordinadora encargarase de divulgar información entre a sociedade en xeral, relativa á problemática asociada á implantación de parques eólicos no territorio. Fomentarán tamén o apoio e a unión, “compartindo recursos e estratexias para combater conxuntamente a destrución e as problemáticas derivadas da pandemia eólica que padecemos”, indican.

Pretenden tamén fomentar outro modelo de enerxías renovables “onde prime máis o micro que o macro, o interese social antes que o lucro das grandes multinacionais, atendendo a unhas necesidades reais produtivas e non especulativas, todo baixo un estrito respecto ao medio ambiente”. Aspiran a converterse nunha ferramenta de mobilización social contra os “proxectos destrutivos e especulativos que atropelan os dereitos básicos da nosa veciñanza bergantiñá”.

Seminario de Estudos da Costa da Morte

Pola súa banda, o Seminario de Estudos da Costa da Morte (Semescom) vén de presentar alegacións contra os proxectos dos parques eólicos Monte Chan e Pena dos Mouro “por ameazaren os Penedos de Pasarela e Traba, declarados Paisaxe Protexida, e a serra costeira da Pena Forcada".

Polo que respecta ao proxecto de Monte Chan alegan razóns lexislativas, científicas, naturais, históricas, culturais, literarias, económicas e didácticas. Entre as primeiras, lembran que os Penedos están declarados Paisaxe Protexida e aportan os valores que levaron a esta declaración, en base ao informe presentado no seu día por un equipo da Universidade de Santiago (USC) dirixido polo profesor Augusto Pérez Alberti. A maiores, sinalan, “o proxecto non cumpre con varios epígrafes do Decreto 238/2020 de 29 de decembro da Consellería de Medio Ambiente, pois con tan só un aeroxerador que se coloque na área protexida ou na súa contorna, atentaría contra o conxunto”.

No apartado de razóns científicas e naturais, as alegacións do Semescom céntranse en estudos xeolóxicos do alemán Guillermo Schulz, ademais de Isidro Parga Pondal e o profesor Juan Ramón Vidal Romaní, quen denominou aos Penedos de Traba e Pasarela como “formas graníticas únicas no mundo”. Tamén aportan descricións xeográficas de Ramón Otero Pedrayo, A. Pérez Alberti e Antón García Losada, ademais das loas de escritores como Otero Pedrayo ou Manuel Rivas.

Para xustificar as razóns arqueolóxicas, históricas, culturais e literarias aportaron abundantes publicacións, ademais do documental e a guía elaborada polo propio Seminario de Estudos da Costa da Morte. As repercusións económicas céntranas sobre todo no turismo, pois din que a declaración de Paisaxe Protexida “trouxo consigo visitas periódicas de sendeiristas de toda Galicia e, hoxe en día, hai máis dunha ducia de casas de turismo rural que deben aos Penedos boa parte dos seus ingresos”. Lembran que a propia Secretaría Xeral de Turismo “recomenda e describe” na súa páxina web esta área protexida.

Por todo iso, dende o Semescom entenden que esta é “unha oportunidade inmellorable para a posta en valor desta Paisaxe Protexida e convertela en Parque Granítico Multiforme de Galicia, nun senlleiro museo xeolóxico ao aire libre que atraería milleiros de visitantes e que proporcionaría múltiples postos de traballo directos e indirectos”. Así, poñen como exemplos a Cidade Encantada de Cuenca, Los Barruecos (Estremadura) e a Calzada do Xigante de Irlanda do Norte.

No caso do parque eólico de Pena dos Mouros din que o proxecto “danaría e invalidaría a Ruta dos Penedos do Piñeo” que propoñen varias guías turísticas. Unha contorna, engaden, que a Secretaría Xeral de Turismo cita como “un dos catro cumes da paisaxe protexida, o que demostra que se atopa dentro da súa área visual”. Ademais, argumentan a existencia doutras dúas rutas “de capital importancia: a Ruta dos Naufraxios da Costa da Morte e O Camiño dos Faros”.

14 abr 2021 / 17:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.