Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Muxía planea habilitar un novo espazo para a escola infantil local

Sumarase á rede de centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Muxía. O Concello de Muxía ten previsto rehabilitar un inmoble para instalar nel unha nova escola infantil totalmente equipada, un proxecto considerado como prioridade para o goberno local e que contará co apoio do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Despois das reunións mantidas por parte do goberno local co xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, acordouse que o Concello porá a disposición un novo local e o financiamento para levar a cabo as obras de rehabilitación mentres que o Consorcio incorporará a escola infantil á súa rede de centros e encargarase de dotala de persoal e equipamentos.

Dende o goberno local aseguran que sempre foron conscientes “da necesidade urxente de ter unhas novas instalacións polo que o proxecto está enfocando a un espazo xa existente que habería que reformular totalmente. Para iso, no seguinte pleno proporán facer unha reserva de 60.000 euros para acometer estas obras “tan reclamadas pola veciñanza durante moitos anos que ata agora nunca tiveron unha solución”, afirman.

Os membros do goberno visitaron o emprazamento que se pretende acondicionar para ver os planos e seguir avanzando na consecución de tal fin. A nova escola infantil contaría con dúas salas, baños adaptados, vestiarios para o persoal, oficinas, zona de catering, espazos de lavandería, zona de entrada e almacén de carros, zona exterior de xogos e descanso e incluso espazo cuberto de xogo e actividades.

O alcalde de Muxía, Iago Toba, destacou que “levamos meses pelexando por esta infraestrutura e, se todo vai ben e se aproba o financiamento en pleno, a previsión é que comece a ter actividade este mesmo ano” e lembrou que “nós cumprimos co que prometemos polo que serán outros os que teñan que dar explicacións se non votan a favor desta proposta”.

Ademais, explicou que “desde o goberno local estamos en continuo contacto coa xerencia do Consorcio para avaliar as modificacións, necesidades e o emprazamento e todo vai en perfecta sintonía, o que se deriva en resultados beneficiosos para os nosos veciños e veciñas”.

Pola súa parte, a concelleira de Cultura e Educación, Olalla Benlloch incidiu na importancia de contar con esta nova infraestrutura xa que “a conciliación familiar é unha cuestión que require apostas decididas por parte das diferentes administracións para favorecela e iso é o que estamos a facer con este proxecto, que ademais tamén permitirá ofrecer un servizo moderno e completo que responderá ás necesidades dos máis pequenos e dos seus pais e nais”. O edil de Obras, Javier Romar, tamén expresou a súa satisfacción por ver como “con traballo e petando en todas as portas está a conseguirse levar a cabo multitude de obras que son de total necesidade para os muxiáns e muxianas”.

13 mar 2021 / 15:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.