Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Muxía reforza a partida de servizos sociais nos orzamentos de 2022

O Concello incrementará a partida un 45% // As contas foron aprobadas só co apoio dos tres concelleiros do grupo de goberno // Os edís da oposición abstivéronse

A Corporación de Muxía aprobou, cos único votos a favor dos membros do goberno local (PSOE, 3 edís), os orzamentos para este ano 2022, que suman máis de 4 millóns de euros e contemplan unha subida dun 45% na partida de servizos sociais.

O alcalde, Iago Toba, asegurou que “sorprende que a pesar de ter celebrado coa oposición unha comisión de negociación orzamentaria previa a este pleno, na que non aportaron alternativas, propostas, nin modificacións ao anteproxecto, agora non sexan capaces de votar a favor dos mesmos". Criticous ademais "o comportamento reprobable e inadmisible por parte dalgún concelleiro nesa comisión de negociación”.

Con estes orzamentos, engadiu, o grupo de goberno “mantén a súa aposta en firme por investiren servizos sociais, cun aumento de máis do 45% nesta partida e tamén cumpre a súa palabra en relación ás melloras salariais do persoal municipal”.

Dende a oposición, a portavoz do PP, Sandra Vilela, xustificou a abstención do seu grupo porque os orzamentos “non son nada ambiciosos nin teñen nada de especial”. A este respecto, sinalou que a pesares de aumentar os ingresos “apenas haberá inversións”, e lamentou que non se recollan as subvencións nominativas. En relación ao aumento do gasto no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) sinalou que “se o goberno licitase o servizo probablemente o custo diminuiría, polo que non sempre gastar máis implica unha mellora na prestación”.

Pola súa banda, o edil do BNG, Carlos Fernández, tamén dixo botar en falta máis inversións e a concelleira non adscrita, Mónica Vilela, asegurou que os “orzamentos xa deberían de ser aprobados o ano pasado”. Ambos quixeron deixar claro que a comisión convocada con anterioridade ao pleno “non foi para negociar, senón para explicar a proposta do goberno”.

Noutro punto da orde do día, tamén saíu adiante por unanimidade a mellora de condicións laborais de grupos de traballadores e traballadoras municipais, “satisfacendo así unha demanda histórica cos propios empregados e cumprindo coa promesa feita por este equipo de goberno”, destacou o alcalde, Iago Toba. A proposta, engadiu, contou co apoio de todos os sindicatos na mesa de negociación previa á celebración do pleno.

14 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.