Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Muxía revalorizará a área turística das caldeiras do Castro

Instalarán sinais, iluminación e mobiliario // Mellorarán o acceso ás fervenzas e piscinas

O Concello de Muxía impulsará un conxunto de melloras na contorna do espazo natural coñecido como as caldeiras do río Castro de cara á primavera do vindeiro ano.

Os traballos proxectados consistirán na instalación de sinais, a colocación de mobiliario urbano, a renovación da iluminación da zona, a adecuación dos accesos e tamén a habilitación de diversas áreas axardinadas.

Na actualidade, para acceder ás fervenzas do río Castro hai unha pasarela de madeira, que tamén serve para chegar á zona de baño, e que será mellorada con dito plan.

O alcalde muxián, Iago Toba, asegura que, con este compendio de intervencións, a contorna do cauce fluvial “converterase nun punto de referencia a nivel turístico na Costa da Morte”.

Actualmente, a área natural do Castro é xa unha das zonas turísticas máis importantes do municipio muxián. Un dos seus grandes atractivos, ademais da beleza paisaxística da zona, son as fervenzas e as piscinas naturais (caldeiras) que forma o río.

Na contorna sitúanse tamén unha pequena capela adicada a Santo Outel do Castro, e unha área de ocio e de descanso nun espazo natural de gran beleza que cada ano atrae a centos de visitantes.

Neste pasado verán, no que a afluencia de turistas medrou de xeito considerable en Muxía, centos deses visitantes achegáronse ás caldeiras do Castro, segundo sinalan dende a administración local.

Na sua maioría, aseguran, eran xentes chegadas desde distintos puntos de Galicia, aínda que tamén teñen constancia de visitantes procedentes de fóra da comunidade.

Así o constataron nas enquisas realizadas entre as persoas que se achegaron á oficina de información turística municipal ao longo de todo o verán. “De cara ao ano 2021 non sabemos como vai ser a situación sanitaria, pero o que si sabemos é que tanto Muxía como este espazo das caldeiras do Castro serán unha boa oportunidade para o turismo de proximidade”, segundo afirma o rexedor.

É por iso que o goberno local quere acondicionar os principais puntos de referencia turística da localidade para que todos os visitantes poidan gozar dos mesmos e levar a mellor imaxe posible do mencionado concello.

Unhas actuacións que veñen complementar o plan de obras impulsadas polo Concello de Muxía e que suporán un investimento de dous millóns e medio de euros.

Algúns dos proxectos incluídos no referido plan xa botaron a andar cos traballos previos para construír novas beirarrúas nos núcleos de Os Muíños e Quintáns, e que tamén se habilitarán nas contornas dos centros socioculturais de Muxía e Os Muíños.

O financiamento das distintas actuacións será a cargo de fondos municipais e tamén de axudas procedentes doutras administracións.

28 sep 2020 / 18:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.