Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Muxía ‘salva’ redes de saneamento e auga, parques e a mellora de estradas

Muxía. Os veciños e veciñas de Muxía, a diferenza dos de Ponteceso, xa poden respirar máis tranquilos, pois a tregua política acordada nos últimos días permitiu que a Corporación dese luz verde ao Plan de Obras e Servizos (POS) proposto polo grupo de goberno. Deste xeito, destinarase máis de medio millón de euros a intervencións “de especial relevancia e moi demandadas pola veciñanza do municipio”, afirman dende o goberno local.

Entre as actuacións proxectadas destacan o abastecemento de auga a Morpeguite e Pasantes, a extensión da rede do saneamento a Labexo, o parque infantil de Suxo, o acondicionamento do vial de Suxo ata Garante e a ampliación das redes de saneamento do núcleo de Chorente, entre outras.

O plan de obras que se levará a cabo tamén inclúe un ambicioso proxecto, centrado na mellora de importantes vías do municipio e na ampliación do recinto do punto limpo situado no núcleo de Os Muíños.

Polo que respecta ao reparto dos investimentos, a abastecemento e saneamento de auga adicaranse 225.800 euros; ao arranxo de viais e camiños 205.000 €; a ocio e lecer, 127.000 €, e a gasto corrente 27.000 €.

Tras sacar adiante o Plan Único, o alcalde, Iago Toba, quixo destacar “a importancia de que Muxía conte con máis de medio millón de euros para poder realizar intervencións moi necesarias e para poder atender as demandas da veciñanza”. Tamén quixo “agradecer, unha vez máis, a implicación por parte de Deputación Provincial, que estivo axudando en todo momento, para que Muxía poida contar cun plan de obras vital para o avance e o progreso do noso pobo”.

A aprobación do POS, que fora rexeitado no último pleno por todos os grupos da oposición debido á falta de diálogo co goberno, foi agora posible grazas aos apoios dos concelleiros do goberno (PSOE, 3) e do PP (3) e á abstención dos edís non adscritos (exsocialistas) e o do BNG. Todos eles volveron reclamar ao rexedor que manteña aberta a vía do diálogo, tal e como se comprometera. Nos vindeiros días comezarán a deseñar o Plan Adicional. J. M. R.

11 may 2021 / 19:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.