Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
MÓNICA RODRÍGUEZ ORDÓÑEZ Alcaldesa de Vimianzo

“Non me gusta tirar a toalla, son unha muller loitadora”

Estou aquí para facer de Vimianzo un municipio mellor e para resolver os problemas á miña xente. Levo a este pobo no meu corazón e gustaríame transmitilo nas miñas actuacións”

A rexedora local de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez, conta ao Correo dos Concellos a súa experiencia no primeiro ano como alcaldesa e o que lle supuxo o confinamento. Tamén para coñecer un pouco máis das súas inquietudes e intereses lonxe do foco mediático da política que supón o seu día a día na corporación municipal.

Que tal levou o confinamento?

Foi unha época de profunda preocupación, inquedanza e incertidume porque foi, e todavía o segue a ser, un contexto moi atípico e sobre todo, moi cambiante, no que a actualidade o marcaba prácticamente todo. Tivemos que adaptarnos día a día a esta situación e non foi sinxelo. Si se me permite, desde aquí quero dar as grazas a todos os axentes implicados en facerlle fronte á pandemia; taxistas, sanitarios, persoal municipal, técnicos, ás persoas que traballan nos supermercados e hipermercados, peixarías, panadarías, estancos... Sería imposible englobar a todos nunhas liñas, pero en definitiva, ás persoas que estiveron en primeira liña de batalla para facerlle fronte a esta terrible enfermidade. Á súa vez, e non menos importante, á veciñanza de Vimianzo, que en todo momento amosou un comportamento exemplarizante, en todos os eidos.

Destacaría algunha cousa con relación á Terra da Soneira ou ó Concello Vimianzo?

Si por algo se destaca Vimianzo é pola amalgama de paisaxes que podemos contemplar. Somos un municipio riquísimo patrimonialmente, tanto natural como arquitectónico e histórico. Non é por ser eu alcaldesa, xa que primeiro son veciña. Vimianzo é único por todos os seus rincóns, que son os que conforman esta marabillosa terra. Todas e cada unha das súas parroquias son fermosísimas; e todos os rinconciños sorprenden pola beleza que desprenden. Somos o epicentro da Costa da Morte.

Que lle gusta facer no seu tempo libre cando as súas responsabilidades llo permiten?

Pois son unha persoa tremendamente inquieta, á que lle gusta “andar o mundo”, como eu sempre lle digo a miña irmá. Pero sobre todo desde que son alcaldesa, tamén valoro eses momentos familiares na casa, co meu marido e coa miña filla. A miña familia é o meu maior tesouro e, aínda que non lles adico todo o tempo que me gustaría, desfruto moito eses pequenos momentos. Son ávida lectora, agora mesmo estou lendo a Ledicia Costas, unha autora que me gusta moito.

O sitio/lugar que máis lle gustou dos que visitou?

Hai un lugar tremendamente especial para min, no que podo desconectar de maneira absoluta: Castrobuxán. Vou sempre que podo, porque desperta en min unha serie de sentimentos que é imposible explicar.

Unha afección ou hobby?

Descubrir, porque estou segura que aínda hai rincóns de Vimianzo que descoñezo. Viaxar é unha das miñas paixóns, e aínda que agora non se poda, temos moitísimos lugares que visitar por primeira vez e moitosa deles moi pretiño da casa.

Quenes son os seus referentes en política?

Na miña familia, sempre desde que eu teño recordo, falouse de política na mesa. Obviamente, o meu referente xa non só político, senón persoal, é meu padriño Alejandro –con que convivía ata que faleceu no mes de xullio despois de ser alcalde de 1987 a 2011– , quen me ensinou prácticamente todo o que agora sei, e aplico no meu día a día. Bótoo moito de menos.

Cal diría que é a súa principal cualidade e cal o defecto?

Non te creas que me gusta moito autocalificarme, creo que iso lle toca aos demais, á xente que me rodea. Defectos teño moitos, pero creo que a maior cualidade é a tenacidade; non paro ata conseguir algo, e iso ás veces, é agotador. Non me gusta tirar a toalla, desanimarme. Son unha loitadora e así seguirá sendo, porque ese é o camiño.

Que foi o que lle levou a introducirte en política?

Pois falabamos nunha das preguntas anteriores precisamente da súa figura: meu padriño Alejandro. Desde pequeniña xa se me formou unha conciencia social e política moi marcada por Vimianzo, por facer do lugar no que vivimos un lugar mellor e por tratar de axudar á miña xente, ás miñas veciñas e veciños.

Na súa vida atopou máis dificultades para chegar a postos de responsabilidade polo feito de ser muller?

Si, totalmente. Hai sectores e sectores. Eu veño dun, a construcción, moi particular nese aspecto, e aínda monopolizado polos homes. Iso ao que lle chaman ‘teito de cristal’ existiu, existe e existirá si non fomentamos políticas activas para loitar contra a desigualdade. Tan só hai que observar as cifras para darse conta da situación das mulleres nas altas esferas. Desde os postos de responsabilidade temos que tratar de facer todo o que está nas nosas mans, e máis, para tratar de cambiar esta tendencia que, socialmente, tan arraigada está en todas e todos nós.

Atopa moitos inconvintes para conciliar a súa vida profesional coa persoal?

Si, aínda que o proceso de adaptación foi mellor do que pensaba. Levo moi pouquiño tempo como alcaldesa de Vimianzo, e o que máis me custa é non poder adicarlle o tempo que querería á miña familia. Pero vai implícito ao cargo, e aínda que ás veces haxa que facer malabares para poder conciliar, o importante é autoxestionarse de maneira correcta.

Como lle gustaría que lembrara a xente da vila o seu paso polo sillón da alcaldía?

Sinceiramente, como unha alcaldesa preocupada pola súa xente, e que loitou desde o minuto 1 ata o final polas miñas veciñas e veciños. Porque para iso estou aquí, para facer de Vimianzo un municipio mellor e para resolverlle os problemas á miña xente. Que ninguén teña dúbida de que levo a Vimianzo no corazón, e gustaríame transmitilo nas miñas actuacións. Ao final, a lembranza quedará segundo a impronta e o teu traballo, pero teño un gran equipo e creo que o estamos a traballar con todo o que temos. Cos nosos defectos, porque creo que non existe goberno perfecto, pero na balanza todo o facemos co sentimento de pertenza a onde vivimos, o Concello de Vimianzo.

Que é o que lle xera máis responsabilidade de ser alcaldesa?

Cuestión bastante complicada de definir, porque a responsabilidade do meu posto é moita e moi diversa. Eu síntome responsable de todo o que pasa no Concello, polo tanto non podería definir unha situación ou ámbito determinado. As limitacións que marca a burocracia, por exemplo. As tramitacións, que esixe unha cantidade de tempo a esperar enorme, son as que máis me agobian.

Que tal a experiencia no seu primeiro ano no cargo?

Pois foi un primeiro ano tremendamente complexo, no que vivimos prácticamente de todo e no que atravesamos a maior crise sanitaria desde hai máis de cen anos, nada menos. É difícil facer un balance obviando esta cuestión, porque ademais vai ser a que marque a axenda nos vindeiros meses. Si teño que facer algún apunte, é a aprendizaxe que supón lidiar algo así no cargo. Estar a carón da veciñanza é unha satisfacción e ao final, a adaptación tamén é moi importante. Teño un equipo fantástico que se desvive e traballan por Vimianzo.

19 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.