Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
DIÁSPORA. Despois de corenta anos múdanse a outro local que foi acondicionado polos propios emigrantes // Investiron uns 60.000 francos // Abrirá en xaneiro con outro xerente // Queren manter unido a todo o colectivo TEXTO José M. Ramos

Novo centro en Liechtenstein para a comunidade de galegos

O Centro Español Apóstol Santiago (CEAS) de Liechtenstein dá por superado un dos seus anos máis difíciles, no que tiveron que abandonar a que foi a súa sede social durante corenta anos, e afronta 2021 con optimismo e ca ilusión de estrear en xaneiro o novo local, que foi acondicionado polos propios emigrantes galegos, na súa maioría naturais da Costa da Morte e a súa contorna.

Dende xullo, a colectividade galega vén traballando arreo para poder contar con este novo punto de encontro e socialización de todos os emigrantes. O presidente do centro, o muxián Manuel Figueroa, agradece o esforzo que fixeron os socios e socias que colaboraron nestes seis meses para facer posible o que é un desexo de toda a comunidade.

A nova sede, ubicada na localidade de Bendern, é moito máis ampla que a que deixaron en Schaan, xa que se trata dun local de 280 metros cadrados, e disporá de cafetería, restaurante, salón social, unha pequena área infantil e tamén unha oficina e un almacén, entre outras dependencias. Do acondicionamento e equipamento encargáronse os propios emigrantes e o investimento total foi duns 60.000 francos, segundo Manuel Figueroa.

Afortunadamente, engadiu, “tiñamos fondos propios do centro e contamos tamén con axudas doutros colectivos, como unha fundación de Liechtenstein”. Ademais, solicitarán o apoio económico tanto á Xunta de Galicia como ó Goberno de España a través das liñas de subvencións para as comunidades da emigración, “e confiamos en que nos axuden”.

O novo centro terá tamén un novo xestor, Ramón Dosil, e abrirá as súas portas en xaneiro durante as fins de semana e festivos. “Agora o que desexamos todos é que lle vaia ben ao novo xerente, porque iso será clave para poder manter aberto este punto de encontro, que é un servizo moi necesario para manter a unidade de todos os emigrantes”, sinalou Figueroa, quen quere seguir mantendo o espírito e as actividades que viñan organizando cada ano dende hai catro décadas.

Actualmente, o Centro Español Apóstol Santiago conta cuns 150 socios, pero á súa sede social estaban acudindo tamén outros emigrantes que non están asociados e tamén cidadáns do propio Principado.

Ao longo do ano, o centro organiza campeonatos de xogos de cartas e comidas a base de gastronomía galega e española, entre outras iniciativas. Ademais, agás este ano, debido á pandemia da COVID, no mes de novembro organizan unha gran festa, amenizada con música en directo por artistas e orquestras de Galicia, e na que xuntan unha media dunhas cincocentas persoas.

Á espera de como evolucione a situación sanitaria, que obrigou a adoptar tamén importantes restricións en Liechtenstein, a intención de Manuel Figueroa “é poder recuperar, na medida do posible, todo o que viñamos facendo, pero non será fácil”. A este respecto, sinala que agora o centro terá que afrontar uns gastos importantes, “pois só do aluguer do local a factura xa é de 2.000 francos mensuais e, ademais, a comunidade vai a menos, porque os maiores vanse xubilando e a maioría voltan para a terra”. Non obstante, engadiu, “a intención é manter o centro e esta unidade mentres poidamos, porque é bo para todos”.

O protagonista
“É IMPAGABLE O TRABALLO FEITO POLOS SOCIOS”
Manuel Figueroa
Presidente do Centro Español Apóstol Santiago de Liechtenstein

O presidente do Centro Español Apóstol Santiago de Liechtenstein, Manuel Figueroa, quere amosar o seu agradecemento a todos os socios e socias que nos últimos seis meses traballaron arreo e de xeito desinteresado para poder contar cun novo punto de encontro para toda a comunidade galega, e tamén doutros puntos de España.

“Nunca lle pagaremos o favor, e espero que toda a comunidade recoñeza o seu esforzo, porque sen a súa colaboración isto non sería posible”, afirma.

Dende que conqueriron o novo local foron moitos os que adicaron o seu tempo libre e as fins de semana para acondicionar e equipar o novo centro. “Se tivésemos que pagar esas horas de traballo non poderíamos facerlle fronte ao custe”, engade o presidente de CEAS.

Agradece tamén o apoio do municipio de Schaan, no que tiveron a súa anterior sede durante corenta anos de xeito gratuíto, “pois tamén nos deron unha axudiña para poder afrontar o cambio”, sinala Figueroa.

Ademais, teñen o apoio dunha fundación de Liechtenstein, que lles permitirá pagar unha parte dos gastos que deberán afrontar de aquí en diante, “pois a situación cambia moito, xa que ata agora nin pagábamos alugueiro, nin auga, nin luz, e agora hai que prepararse e buscar axudas para poder manter este novo centro polo que tanto traballamos”, sinalou.

{ Pasaba por aquí }
Facendo patria
Manuel Lavandeira

O feito de residir a máis de dous mil quilómetros da súa terra natal non é impedimento para que os galegos emigrados a Liechtenstein manteñan viva a súa galeguidade. Así o están a demostrar os membros do Centro Español Apóstol Santiago, que, dende a unidade, seguen a facer patria no pequeno Principado. Durante corenta anos as bandeiras de Galicia e de España presidiron a que foi a súa sede e punto de encontro de todos os emigrantes en Schaan, e xa ondean tamén no balcón do novo centro que estrearán en Bendern no mes de xaneiro. Viven lonxe dos pobos nos que naceron, –algúns dende hai máis de catro décadas–, pero o seu sentir galego segue a ser o mesmo que o do día no que tiveron que coller a maleta. Orgullo galego.

13 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.