Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O BNG de Cee apela ao modelo Allariz para reflotar o centro comercial

Cee. O BNG de Cee propón imitar o modelo levado a cabo en Allariz para reactivar o casco antigo co fin de revitalizar o Centro Comercial Finisterrae da capital local.

Serxio Domínguez, portavoz do grupo nacionalista, dixo que dita área “non está a pasar polos seus mellores momentos, e é xa un problema grave que arrastramos desde hai anos”. Subliña que a planta alta está “case baleira de tendas”, que baixaron a afluencia de xente e a actividade e que “nada se está a facer para dar nova vida a un centro que pretendían fose motor económico”.

Lembra que varios dos locais do espazo comercial son propiedade do Concello e critica que “ante este panorama, a alcaldesa amosou pouco interese”. Para reverter esta situación, o BNG propón “que se actúe de inmediato para colocar eses locais no mercado, pero non só con carteis no escaparate, senón entablando conversas con marcas punteiras e ofertando prezos e condicións asequibles aos alugeres que lles permitan establecerse en Cee e ter a posibilidade de crear tendas outlet”.

Serxio Domínguez afirma que “é urxente actuar para rematar con esta situación en Cee”. Os locais que son propiedade municipal “non poden ser unha carga, teñen que servir de cebo para acadar o que queremos: que aumente o tránsito de persoas que veñen á nosa vila a mercar e a pasar o día. Trátase de crear un círculo económico que redunde no ben de todo o pobo”, sinalou.

O grupo nacionalista lembra que en Allariz o Concello rehabilitou no seu día vivendas do casco antigo, “púxoas a disposición de primeiras marcas, e estas, que antes operaban nas cidades, acabaron trasladándose alí e montando tendas de prezos baixos”. En pouco tempo, engaden, ante o efecto imán, “Allariz converteuse en punto de visita obrigada de toda a comarca”. J. M. R.

27 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.