Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O BNG de Vimianzo critica a xestión das actualizacións das taxas catastrais

A veciñanza de Vimianzo está recibindo estes días cartas de Catastro para cobrar os atrasos de 4 anos atrás, froito dunha actualización realizada no concello o ano pasado. Dende o BNG lembran que en xaneiro de 2022 centos de veciños e veciñas “colapsaron" as oficinas municipais buscando asesoramento sobre un requirimento da xerencia rexional do Catastro que aumentaba considerablemente a cantidade que viñan pagando na contribución das súas propiedades rústicas e urbanas, e agoran pregúntanse que, dado que as actualizacións catastrais teñen lugar cada 10 anos, e en Vimianzo houbo unha actulización no 2016, “por que se fixo outra tan pronto?”.

Sinalan que en febreiro de 2022 “poidemos ver que a alcaldesa lamentaba esta actualización amparándose en que o goberno municipal non contestara a unha notificación de Catastro no 2020 que solicitaba facer unha actualización. Non se contestou, nin que si nin que non, polo tanto Catastro actuou de oficio”. Non obstante, pregúntanse os nacionalistas “por que nos demais concellos non se fixo ningunha actualización? Que pasaría se desde o goberno se contestara a esa notificación dicindo que non queriamos en Vimianzo unha nova actualización antes do prazo habitual de 10 anos? Estarían os veciños e veciñas na situación que se atopan neste momento, facendo fronte hai un ano a un incremento do valor do seu terreo e agora pagando eses catro anos de atrasos?

O responsable local e candidato á alcaldía do BNG, Benxamín Queiro, asegura que “un goberno debe anticiparse aos problemas e evitalos antes de que estes peten nas nosas portas. Non podemos permitir a pasividade porque as consecuencias hoxe pagámolas os veciños e veciñas”. A este respecto pregúntase onde estaba hai un ano o goberno municipal mentres as colas de veciños colapasaban as oficinas municipais e canto tardou a alcaldesa en actuar para darlle unha solución á veciñanza. "Coma sempre, vendendo fume, mostrándose ós veciños facendo fotocopias na casa da cultura. Non é labor dunha alcaldesa facer fotocopias, o seu traballo é petar en todas as portas para evitarlle o problema aos vimianceses, pero a Mónica Rodríguez interésalle mais saír na prensa que traballar por Vimianzo”, engade.

Pregúntase ademais “onde estaba a semana pasada o goberno municipal mentres cantidade de veciños e veciñas chegaron coas súas cartas ás oficinas municipais? Contan hoxe con asesoramento no concello as persoas que se achegan demandando solucións a este problema? Atoparon alguén do goberno con que falar ou é prioritario que tres concelleiros estean en Madrid en Fitur e non haxa ninguén nas oficinas municipais a quen dirixirse?, conclúe.

22 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.