Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O BNG pide a intervención da Xunta para garantir a actividade e o emprego en Xeal

O BNG vén de presentar no Parlamento galego unha serie de iniciativas encamiñadas “a frear o desmantelamento encuberto da actividade produtiva en Xeal, ao que estamos asistindo dende o ano 2019 e que pon en risco un dos últimos complexos industriais da Costa da Morte”, afirman.

O deputado Daniel Pérez considera imprescindible a intervención do Goberno galego para garantir o mantemento da actividade industrial e, en consecuencia, do emprego. O seu grupo demanda da Xunta de Galicia que contribúa, a través do Consello Galego de Relacións Laborais, no seo do procedemento de mediación solicitado pola parte social, “á normalización das relacións laborais, avogando por manter un convenio propio actualizado”, e tamén que a empresa “cumpra as cláusulas das concesións e os termos da sentenza do TSXG de novembro de 2020”.

Igualmente, piden que a Administración autonómica lle reclame a Xeal a presentación dun plan industrial e de viabilidade das fábricas, e que, a través de Augas de Galicia, informe ao comité de empresa do estado dos proxectos presentados para incrementar o aproveitamento do caudal ecolóxico do encoro de Santa Uxía e para o proxecto de estación reversíbel de bombeo no monte da Ruña.

A este respecto, dende o BNG entenden que se debe condicionar (en caso de cumpriren con todas es esixencias legais, e nomeadamente, medioambientais) a aprobación dos proxectos presentados por Xeal “ao mantemento da plena actividade produtiva de todos os fornos e a recuperación do emprego nas fábricas de Cee e Dumbría aos niveis de 2019”. A súa proposta vai incluso máis alá, e piden á Xunta que estude a posibilidade “de reversión das concesións de explotación das centrais hidroeléctricas ante o incumprimento palmario das cláusulas concesionais que vinculan explotación enerxética e mantemento do emprego e actividade industrial”.

Os nacionalistas aseguran que xa se “perderon máis de 110 postos de traballo directos, destruíuse emprego nas auxiliares e foise reducindo a actividade nas fábricas ata deixar operativo un único forno”. Todo isto, engaden, desembocou nunha “comprensible situación de conflitividade laboral que se vén intensificando nas últimas semanas”.

De feito as mobilizacións continuarán este xoves 27, ás 10.30 horas, cunha manifestación en Santiago dende o edificio administrativo da Xunta en San Caetano ata as oficinas de Augas de Galiza.

Ademais, o comité de empresa acordou a convocatoria para o 17 de novembro dunha xornada de folga de 24 horas que afectará ás tres quendas de traballo e a todo o persoal das fábricas de Cee e Dumbría e das centrais hidroeléctricas.

Redución de practicaxe

Pola súa banda, o comité de empresa de Xeal asegura que a decisión da Xunta de Galiza de recortar ao 50 % o servizo de practicaxe do portos da Costa da Morte “supón un novo golpe para o futuro das fábricas de Cee e Dumbría, xa que, a causa da rebaixa dos custos e subvencións, a licitación vai quedar deserta”. A carencia deste servizo, engaden, “ten un importantísimo impacto na actividade das fábricas de ferroaliaxes porque os barcos non poderán cargar e descargar no porto de Brens, xa que a figura de práctico e a súa tripulación é preceptiva para a entrada de tráfico marítimo nos portos. Coa actual lexislación, ademais, nin sequera poderían operar pilotos doutros portos", afirman.

Consideran que con este recorte, “a Xunta está contribuíndo ao peche das fábricas xa que tanto a materia prima que se necesita para o proceso produtivo - mineral de manganeso, hullas etc-, como o produto acabado terán que ser transportados por estrada, co conseguinte aumento dos custes, facendo así inviábel a produción de ferroalixes”.

Así mesmo, sinalan que a grúa que estaba no porto de Brens “vai ser desmantelada para trasladala ao porto exterior da Coruña, co cal os buques que traían mineral de manganeso para a súa descarga xa non poderán vir, o que contribúe na práctica o abandono do peirao de Brens polo que tanto se loitou”, afirman.

27 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.