Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Desfile do Liño puxo en valor as elaboracións dos artesáns locais

Modelos de Costa das Morte amosaron en Vimianzo vestimentas e complementos

Vimianzo. As creacións dos artesáns locais cobraron vida no patio de armas do castelo de Vimianzo co Desfile do Liño, nun acto organizado pola Asociación de Amigos do Liño de Galicia que preside Carmen Riveiro, e que contou coa colaboración do Concello e da Deputación da Coruña.

Modelos chegados de toda a Costa da Morte ocuparon unha pasarela repleta de vestimentas e complementos elaborados na fortaleza soneirá, nunha cita que serviu como peche ao programa Artesanía en vivo, desenvolto cada sábado durante o verán neste xenuíno enclave vimiancés.

O acto foi conducido pola xornalista vimiancesa Alba Mancebo, e asistiron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, membros do goberno local e varios dos rexedores da Costa da Morte.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, resaltou “o traballo incansable das artesás e artesáns”, unha maneira de facer arte que “é extensión da vosa personalidade, das vosas almas e que lle amosa ao mundo a vosa sensibilidade, delicadeza e maestría”, destacando no seu discurso que “vós sodes quen de continuar o que, moito tempo atrás, comezaron os nosos antepasados e tedes a honra de manter viva a identidade de Galicia”.

O presidente da Deputación, Valentín González, subliñou o compromiso “das persoas que integran o corpo de artesanía que, cada verán, manteñen viva a nosa esencia e o que significamos para o mundo enteiro”, á vez que insistiu no “compromiso obrigado das administracións para continuar promovendo este tipo de actividades, esenciais para facer extensible algo que comezou a nosa xente ben tempo atrás”. c.v.

12 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.