Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Festival Escena Muller puxo e valor ás creadoras en Zas e Vimianzo

Vimianzo. O Festival Escena Muller (FEM), promovido pola Deputación da Coruña e a Aantena en colaboración coas áreas de Igualdade dos concellos de Vimianzo e Zas, cumpriu cos seus obxectivos en canto a propostas desenvolvidas e ao abano de público, dende os cativos de infantil, alumnos e alumnas de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato, chegando a mensaxe das diferentes intervencións a máis de 500 rapaces e rapazas. Tamén chegou ao público adulto a través de distintos espectáculos, narracións orais de historias pequeneiras e conversas con mulleres.

O obxectivo do festival foi “a visualización da muller creadora, a exposición e reflexión da muller na sociedade, o seu empoderamento nun mundo habitualmente dominado por olladas masculinas e a procura de que sexan as mulleres creadoras galegas as que expliquen as súas experiencias, que sexan as protagonistas”, afirman os promotores. Iso foi posible durante os meses de marzo, abril e maio a través de espectáculos e mesas de reflexión da man de actrices e creadoras audiovisuais, educadoras sociais e sociólogas que introduciron os seus traballos e explicaron as súas derivas.

O publico adulto foi protagonista a través de espectáculos como The switch con Diana Sieira, que explorou dende feitos históricos o uso e manipulación da muller denominada bruxa noutros tempos. E Carme Conde con Mikrama, un espectáculo de narración oral de historias pequeneiras, pero grandes na súa inmensidade, expuxo o froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude. Historias de mulleres anónimas, sen voz, para as que Carme Conde exerceu de altofalante.

Para os máis novos Victoria Pérez ofreceulles contos teatralizados que celebran a diversidade e que rachan cos estereotipos de xénero e o binarismo imposto dende que nacemos. Dende unha a visión educadora Noelia Darriba, co seu obradoiro O bo trato, colocou no centro o bo trato das mulleres cara si mesmas, namentres que Judith Iglesias centrou o seu relatorio na sexualidade.

O broche ao Festival Escena Muller chegou coa intervención de Estíbaliz Veiga e o seu espectáculo Golpes, un traballo que leva percorrendo os institutos de toda Galicia, e que busca que o espectador identifique todos e cada un dos índices sociais presentados na súa vida de todos os días, que vexa canto traballo hai por facer para vivir nun mundo igualitario e como hai un golpe continuo contra do latexo social.

22 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.