Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O PP de Muxía denuncia que os alimentos recollidos para Ucraína están podrecendo

A portavoz do PP de Muxía, Sandra Vilela, denuncia que o goberno local (PSOE) permite que os alimentos recollidos na campaña de axuda a Ucraína “podrezan a día de hoxe polo atraso no seu envío”. Lembra que a campaña posta en marcha polo executivo municipal rematou o pasado 12 de marzo.

“Segundo soubemos eses alimentos están a podrecerse no edificio de Servizos Múltiples do Concello onde seguen amontoados sen que desde o Concello moveran un dedo para envialos”, censura Vilela, quen acusa ao alcalde, Iago Toba, por facer “uso político e propagandístico cun tema de tanta sensibilidade”.

Desde o PP piden explicacións sobre os motivos polos que non se enviou o cargamento a Ucraína. “Primeiro díxose que se utilizaron os produtos para axudar ás familias que se acolleron no noso municipio, un feito falso porque só houbo unha, e despois se dixo que se ían a enviar de maneira inmediata, outra mentira do alcalde porque segue sen facerse o envío”, afirmou Vilela.

Para a portavoz este feito supón unha “chapuza máis” dun rexedor que, ao seu xuízo, “debería pedir perdón a todas as persoas que, co seu diñeiro, preocupáronse de doar alimentos para unha causa solidaria” na que, segundo Vilela, “non poden ter cabida actitudes tan lamentables como a que mostrou o señor Toba”.

Pola súa banda, o alcalde, Iago Toba, asegura que se entregou unha parte importante e que, “por recomendacións da ONG, por loxística, a outra parte farase entrega a principios de xuño, algo que tamén lle pasou a outros concellos”. Sinala ademais que “está todo contabilizado e é moi triste que se saque este asunto a través dos medios e non pregunten nin á ONG nin a o Concello”.

Alégrase, non obstante, de que “ese sexa o único tema co que poidan facer política. Teñen unha actitude de traballo nulo, mentres o goberno segue conseguindo acordos coa Deputacion e mesmo coa Xunta de Galicia para mellorar Muxía. Esta semana, de feito, están aglomerando parte de estradas da Xunta que foron pedidas por min hai uns meses. Vese que o PP muxián xa fai tempo que perdeu o rumbo, e que desistiu de traballar polo pobo”.

29 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.