Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Turismo Seguro. Camariñas lidera o proxecto Explora 10 // Pretende valorizar a actividade física, o desfrute da natureza e ampliar a oferta turística // No concello das puntillas xa dispoñen de vinte rutas // Agader avala a iniciativa TEXTO J. M. Ramos

Ocio e deporte saudable en dez municipios da Costa da Morte

O Concello de Camariñas lidera o proxecto Explora 10 co que se pretende potenciar as actividades físico-deportivas ao aire libre que se están a desenvolver na Costa da Morte, e do que formarán parte tamén os municipios de Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas. Unha iniciativa da que se deu conta na capital do encaixe este venres durante a presentación de Camariñas Explora, que servirá de base ao proxecto supramunicipal e coa que aspiran a dinamizar o turismo vinculado ao deporte a través de vinte rutas que xa están debidamente sinalizadas.

O obxectivo é dar a coñecer boa parte do territorio e situarse como destino seguro. A este respecto, a alcaldesa, Sandra Ínsua, subliñou que “na época que estamos a vivir o turismo deportivo está a gañar cada vez máis adeptos” e “en Camariñas temos todos os ingredientes necesarios para crear unha experiencia turística e deportiva completa”.

Facer unha ruta de sendeirismo polo litoral, coa fermosa vista do faro Vilán guiando o camiño e o bater da olas “inundando os nosos oídos é algo que non todos poden ofrecer”, agregou. No acto tamén participou a directora de Agader, Inés Santé, quen amosou o apoio da Xunta ao referido programa de dinamización territorial e turística da Costa da Morte e destacou que “o medio rural é a pedra angular desta iniciativa e o deporte e o turismo neste caso son a base sobre a que acadar o desenvolvemento rural”.

O concelleiro de Deportes de Camariñas, Fabián Canosa, explicou que “pretendemos poñer en valor a actividade física e deportiva, o desfrute e coidado do medio natural e do mesmo xeito dar unha opción máis de turismo. Á cita tamén acudiron a presidenta do CMAT e alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e a presidenta da Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas, Olga Campos, entre outros.

Indicar que o proxecto Explora 10 prevé conectar os dez municipios mediante unha gran travesía en bicicleta todoterreo, ademais de desenvolver actividades acuáticas, como a vela, o piragüismo, o surf, o kayak ou as travesías a nado, así como a posta en valor da escalada ou a promoción do circuíto de carreiras populares.

Polo que respecta ao Camariñas Explora, inclúe diferentes rutas de sendeirismo, bicicleta e carreira pola contorna natural das parroquias de Camelle, Arou, Ponte do Porto, Xaviña e Camariñas. Os técnicos deportivos municipais deseñaron varios percorridos novos e incorporaron algúns sendeiros existentes, chegando finalmente ás 20 rutas que suman en total 220 quilómetros e que están dirixidas a diferentes tipos de usuarios e afeccionados de modalidades como o sendeirismo, o running ou o ciclismo.

Todas elas poderán seguirse no móbil. Para iso, habilitouse un perfil na aplicación Wikiloc, que utilizan case 8 millóns de usuarios e na que comparten máis de 22,8 millóns de rutas. A través do perfil Camariñas explora, calquera usuario accederá ás rutas e poderá seguilas de xeito totalmente gratuíto. Ademais, antes de iniciar o percorrido poderá ler unha pequena descrición do recorrido así como comprobar os datos técnicos do mesmo, como a lonxitude ou o perfil altimétrico. Todas as rutas inclúen recomendacións para desfrutar de cada actividade. Están dispoñibles en https://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=8513794.

O traballo complementouse co deseño dun folleto e dun adhesivo que se distribuirá en diferentes localizacións e que incluirá un código QR para acceder á aplicación, e cada ruta conta cunha ficha técnica.

09 jul 2021 / 16:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.