Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Oitocentos bonos para que os mozos coñezan e gocen da rede de albergues xuvenís de España

Muxía. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou no albergue Bela Muxía a nova campaña promovida pola Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ) para reactivar as estancias de mozos en albergues.

A través da campaña Bono Albergues REAJ ofreceranse a partir do 18 de outubro 800 bonos para que as mozas e mozos de entre 18 e 30 anos poidan elixir entre as 70 instalacións da súa rede.

No caso concreto de Galicia, os complexos xuvenís adheridos a esta campaña son: Albergue Equal Sociedad Cooperativa Galega (Coles, Ourense), Albergue Bela Muxía, Albergue Monte do Gozo (Santiago de Compostela), Albergue Gandarío (Bergondo), Albergue LUG2 (Lugo) e Albergue O Castro (Vigo).

A través desta campaña poñeranse á disposición da xuventude 700 bonos individuais de 30 euros e 100 para grupos valorados en 200 euros cada un. Unha iniciativa dirixida a reactivar un sector que sufriu as consecuencias da crise socioeconómica provocada pola covid e a dar a coñecer á mocidade a rede de albergues de España.

Cómpre destacar que todo aquel que solicite o bono recibirá de forma gratuíta o Carné REAJ de Alberguista, que da acceso aos máis de 300 albergues repartidos por toda España, aos máis de 4.000 por todo o mundo de Hostelling International, así como a participar nos diferentes programas que se realizan ao longo do ano e desfrutar de miles de interesantes descontos nacionais e internacionais. Neste sentido, a directora xeral lembrou que en Galicia, co Carné Xove activado tamén se pode obter, de xeito gratuíto, o carné de alberguista en calquera dos puntos postos a disposición.

Axudas para a sustentabilidade e a accesibilidade

Cristina Pichel sinalou ademais que o albergue Bela Muxía, que está incluído dentro desta rede, acadou axudas por un valor de 8.000 euros para a realización de proxectos sustentables e accesibles. Unhas actuacións que permitiron converter estas instalacións, sinalou, “nun entorno inclusivo, sustentable e referente en toda a comarca”.

16 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.