Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
MAR. Intecmar detectou nas últimas análises uns índices elevados de ASP // As medidas restritivas afectan á extracción de moluscos infaunais // No que vai de ano colleitaron case 20.000 quilos de berberecho e 4.600 de ameixa TEXTO J. Ramos

Pechada ao marisqueo a ría de Camariñas a causa das toxinas

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) ordenou o cese temporal da extracción de moluscos infaunais na ría de Camariñas ao detectar nas últimas análises uns índices por enriba do permitido de toxina ASP. Así o confirmou tamén a confraría local.

Un peche que chega cando o sector marisqueiro estaba nun bo momento, xa que no que vai de ano, a pesares das limitacións do covid-19, viñan traballando con bastante regularidade e conseguindo uns bos resultados, tanto en capturas como en cotización dos seus produtos.

Así, no que vai de 2020 na lonxa de Camariñas poxaron máis de 26.700 quilos de marisco, dos cales case 20.000 foron de berberecho, o que supuxo uns ingresos de case 200.000 euros para o sector, acadándose unha cotización media do produto por enriba dos 10 €/Kg, segundo datos de Pesca de Galicia.

Unhas cifras que contrastan coas rexistradas no mesmo periodo de 2019 cando, a pesares de colleitar máis quilos (22.500), a facturación foi inferior, xa que apenas superaron os 155.000 euros, rexistrando un prezo medio do berberecho por debaixo dos 7 euros por quilo.

A maiores, no que vai de 2020 a ameixa converteuse nun recurso de gran valor económico. Ata mediados de outubro colleitaron case 3.000 quilos de ameixa fina, o que supuxo uns ingresos para o sector marisqueiro de máis de 67.000 €, situándose o prezo medio por enriba dos 22 euros por quilo. Pola súa banda, da variedade xaponesa comercializaron 1.614 quilos, acadando unha cotización media de 10,7 €/Kg e unha facturación de 17.300 euros.

Uns datos que superan por moito aos do ano 2019, no que só colleitaron 263 quilos de ameixa fina e 80 de xaponesa, non chegando a facturar nin 6.000 euros en total. Tamén os prezos estiveron por debaixo, situándose en menos de 20 e 8 €/Kg., respectivamente.

Pola contra, as que sí baixaron este ano en Camariñas foron as capturas de longueirón e navalla. Dende xaneiro pasaron por lonxa 1.082 quilos da primeira especie e 1.385 da segunda, conquerindo uns ingresos totais de pouco máis de 17.500 euros, e un prezo medio de 6 €/Kg no caso do longueirón e de 8,1 as navallas.

O patrón maior da confraría camariñana, José Ramón Lema, asegura que “este ano está sendo bastante bo, xa que temos un produto de calidade e estase pagando ben”. Ademais, engadiu, “estamos collendo os cupos sen maior problema”. Actualmente estaban colleitando só ameixa, “e esperamos volver a extraer berberecho a partir de decembro, se a situación o permite”, afirmou José Ramón Lema.

Unha das claves da revalorización do marisco en Camariñas é a posta en marcha das poxas virtuais, que permitiron incrementar de xeito notable o número de compradores e tamén a cotización do produto.

NORMALIDADE NO RESTO. Sinalar, por outra banda, que o resto de zonas marisqueiras da Costa da Morte non están afectadas pola presenza de toxina segundo o último informe do Intecmar, polo que seguen abertas e os profesionais poden seguir extraendo marisco nas rías de Corme-Laxe e Corcubión, e tamén nos bancos de Baldaio (Carballo).

o protagonista
“Esto soe pasar cando chega o vento do sur”
José Ramón Lema
Patrón maior da Confraría de Pescadores Virxe do Monte, de Camariñas

O patrón maior da confraría de pescadores de Camariñas, José Ramón Lema, asegura que a presenza de toxina na zona é máis habitual cando “chegan os ventos do sur coma os que temos estes días”. Non obstante, no sector confían en que o peche poida levantarse canto antes para poder volver a mariscar como o viñan facendo até agora, xa que este ano está sendo bastante bo, tanto polo volume de capturas como polos prezos acadados polo berberecho e a ameixa dos bancos locais.

A reapertura dos bancos marisqueiros dependerá da evolución dos niveis de toxina. A confraría toma dúas mostras á semana para que as analice o Intecmar “e en función de como vaian sendo os resultados o peche pode manterse tanto uns días coma unhas semanas”, afirmou o patrón maior.

Para compensar o tempo de inactividade moitos dos mariscadores xa están solicitando as axudas das que dispoñen por cese de actividade obrigada. Non obstante, os profesionais queren recuperar canto antes a normalidade para poder baixar de novo aos bancos marisqueiros de Camariñas.

Nas últimas semanas estiveron extraendo ameixa, xa que este ano dispoñen dun produto de moi boa calidade e así o está valorando tamén o mercado, pagándose a variedade fina por enriba dos vinte euros por quilo na lonxa local.

{ PASABA POR AQUÍ }
Balance positivo
Manuel Lavandeira

a presenza de toxina na ría de Camariñas non é, salvo que a situación se prolongase no tempo, unha situación de especial preocupación para o sector, xa que o balance do ano está sendo moi positivo e, a diferenza de tempos pasados, agora dispoñen duns bancos marisqueiros con recursos e de calidade. Por iso, agardan que a propia natureza que trouxo a toxina faga o seu traballo e limpe canto antes a ría para que os mariscadores poidan volver a traballar. A súa vista está posta agora nos vindeiros meses previos ao Nadal, e tamén na evolución da pandemia do covid-19, xa que esta pode marcar o desenvolvemento da campaña marisqueira do fin de ano que, en circunstancias normais, soe ser das mellores para o sector.

21 oct 2020 / 19:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.