Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Piden fixar os criterios para o emprego nas fábricas de Xeal en Cee e Dumbría

O comité de empresa “lamenta” a falta de apoio de PP e PSOE na Deputación

Cee. O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, esixiulle ao goberno galego que “deixe de mirar para outro lado” e faga valer a sentenza do TSXG do 20 de novembro de 2020 para garantir o mantemento dos postos de traballo e a actividade das ferroaleacións nas fábricas de Xeal, en Cee e Dumbría.

Asegurou que “resulta incomprensible que non se faga cumprir unha sentenza tan clara e que se establezan uns criterios mínimos de emprego” nas dúas factorías. Considera neste sentido “ofensivo para a cidadanía da Costa da Morte” a renuncia a utilizar o fallo xudicial ante o intento da empresa de segregar as actividades. Amosou ademais a súa sorpresa polo rexeitamento tanto do PP como do BNG a unha iniciativa socialista que reclamaba á Xunta “articular os instrumentos que establece a sentenza para garantir o futuro industrial e uns niveis de emprego aceptables.

Piden que se lle dea “corpo” á iniciativa dos alcaldes afectados “cando lle piden que clarifiquen en que supostos Xeal estaría ou non cumprindo co mantemento da actividade industrial”. O responsable socialista instou tamén ao goberno galego a facer públicas as condicións de venta da antiga Ferroglobe ao grupo TPG, que supuxo a creación da actual Xeal, polo que Ferroglobe converteuse no único receptor da produción das factorías da Costa da Morte. Considera “esencial coñecer se a nova empresa é libre para poder ter un proxecto industrial” ou se depende da empresa matriz porque, lembra, a venta “debía ser autorizada previa e expresamente por Augas de Galicia”. Isto conlevaba a presentación dun plan de viabilidade que garanta a actividade da ferroaleacións, especificando a continuidade da actividade dos fornos e o mantemento do emprego.

Martín Seco alerta de que as plantas reduciron a produción a un 10 por cento ao longo de 2020, cando chegaron a funcionar 2 dos 5 fornos de que dispoñen –hoxe están en marcha 3-, perdendo dende 2019 máis de 100 postos de traballo entre eventuais e industria auxiliar. Advirte que “sen un calendario de arranque dos fornos e uns investimentos reais nas fábricas que garantan a produción da a sensación de que Xeal está centrando o futuro na explotación dos recursos enerxéticos, agravando o deterioro paulatino das fábricas e amortizando man de obra”.

Malestar do comité

Por outra banda, o comité de empresa de Xeal lamentou que PP e PSOE impedisen a aprobación de apoio ás súas reivindicacións no pleno da Deputación da Coruña. Concretamente, pedían que se instara a Xunta a que recoñeza a nulidade da operación de venda realizada por FerroAtlántica (Grupo FerroGlobe) a TPG-Ithaka, “por non terse requirido a autorización administrativa previa correspondente, tal e como se requiriu no ano 1992 para a adquisición da entón Carburos Metálicos”.

Xunto a isto, o comité pedialle ás administracións que interviñeran ante a empresa para demandar a inmediata posta en marcha dos fornos e a cobertura de todos os postos de traballo destruídos tanto no cadro de persoal, como de emprego eventual como na industria auxiliar, dende a chegada de Ithaka á dirección De igual xeito, demandaban que se intercedera pola readmisión “do traballador inxustamente despedidos nas últimas semanas”.

“O comité lamenta e non entende o sentido do voto tanto de PP en contra e coa complicidade da abstención do PSOE (consciente do resultado), que deixan sen efecto esta reivindicación para trasladar a Xunta, cando as fábricas viven un proceso de desmantelamento progresivo, redución drástica da actividade dos fornos e destrución de emprego que pon en perigo a viabilidade das plantas de ferroaliaxes e a continuidade dos postos de traballo”, afirman.

30 jun 2021 / 18:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.