Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Sete organismos ecoloxistas solicitan a inclusión do complexo das Brañas de Valadares no inventario da Xunta // Denuncian que a instalación dos proxectos sobre estes ecosistemas pode alterar os recursos hídricos TEXTO Marta Torres

Piden protexer os humidais de Outes das industrias eólicas

Varias entidades ecoloxistas instan á Consellería de Medio Ambiente a incluír o complexo húmido das Brañas de Valadares, no municipio outense, no Inventario de Humidais da Xunta de Galicia. As organizacións Petón do Lobo, Cova Crea, O Ouriol do Anllóns, a Plataforma Monte das Salgueiras, Veciñanza do Cerqueiral, a Asociación Quijote de Outes e Ecoloxistas en Acción demandan así evitar a instalación de proxectos eólicos sobre estes ecosistemas que poden alterar os recursos hídricos de maneira substancial.

Sinalan que, dende un punto de vista hidrográfico, a zona de afección do parque eólico Maragouto esténdese integramente na conca do río Beba, pertencente á conca do río Xallas. “O parque proxectado aséntase directamente enriba dunha Braña, un humidal con hábitats prioritarios e regado por multitude de cauces e fonte”, din ao respecto.

Os colectivos que solicitan a inclusión aseguran que á Xunta xa lle consta esta petición. Na solicitude detállase, segundo indican, que o complexo húmido das Brañas de Valadares engloba un gran humidal formado polos Prados da Braña/Prados Novo e Brañas de Mirás, Monte Penedo, Brañas Prado de Abaixo, Pedra das Cuncas, Brañas Corno do Cervo, Brañas de Marsillán, Braña Longa, Pedra do Mouro, Brañas de Penedo Mosqueiro e Brañón.

Por outra banda, insisten en que o caso do Maragouto non é único en Galicia, pois denuncian que o campo eólico proxectado na serra de San Mamede, en Ourense, acarrearía unha agresión ambiental semellante. “Tamén se asentan nos nacementos de ríos, cauces e sobre turbeiras ou humidais o proxecto eólico O Cerqueiral, o das Salgueiras, Uxo e Coto das Airas”, engaden.

Por todo, dende o ecoloxismo lembran que os humidais “son as arterias e as veas da paisaxe” e resaltan que “aínda que só cobren unha pequena porcentaxe da superficie da Terra, son fonte de saúde e riqueza: achégannos auga doce, garanten a subministración de alimentos, axudan a manter a biodiversidade do planeta e tamén nos protexen fronte ao cambio climático”.

Sen embargo, puntualizan que a pesar da súa importancia, a Convención de Ramsar denuncia que durante o último século desapareceron o sesenta e catro por cento dos humidais do planeta.

As organizacións ecoloxistas e culturais asinantes do comunicado conclúen destacando o valor destas áreas húmidas, que actúan como unha depuradora de augas residuais, filtrando refugallos nocivos para as persoas e o medio ambiente. Asemade, tamén recordan que son “amortiguadores da natureza”, xa que “as turbeiras e os pasteiros nas concas fluviais actúan como esponxas naturais, absorbendo as precipitacións, creando amplas charcas de superficie e reducindo as crecidas dos arroios e ríos”.

ESPECIES. Por último, os citados colectivos comentan que os humidais das brañas conteñen diversas especies de interés prioritario e amparadas pola protección reforzada da Directiva de Hábitats, polo que os proxectos industriais “deberan ser rexeitados pola súa incompatiblidade coa prevalencia dos valores ambientais que establece a Unión Europea”, puntualizan no citado escrito.

a protagonista
“A medio prazo poden deixarnos sen auga”
Ana Varela Secretaria da Asociación Ambiental e Cultural
Petón do Lobo

A secretaria da Asociación Petón do Lobo, Ana Varela, asegura que o proxecto eólico de Maragouto aséntase sobre humidais de montaña, “láminas de auga superficiais pero que é moi probable que debaixo delas existan acuíferos”, explicou. As organizacións ecoloxistas baséanse nun informe do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural do ano 2017 no que xa alertaban de que a instalación dos parques estaba a ter uns efectos moi negativos, causando importantes perdas tanto en queirogais húmidos como sobre os ecosistemas de turbeira, así como sobre medios lacunares. Por iso, solicitan que as empresas fagan “un estudo hidroxeolóxico para saber se esas remocións de terra poden romper acuíferos”. Varela afirma que “estes proxectos había que evitar instalalos nestas zonas, pois a medio ou longo prazo poden deixarnos sen auga”. Tamén se referiu ao artigo 2 da Directiva Hábitat 92/43 CEE, “que di que non se pode deteriorar ningún hábitat prioritario nin de interés comunitario. Iso noutros países da UE castígase”, concluíu.

03 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.