Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Plan para levar a rede de fibra a todos os lugares e rúas de Vimianzo

Vimianzo. O Concello vimiancés conseguiu o compromiso da empresa de telecomunicacións Rede Aberta para comezar de xeito inminente co despregamento da rede de fibra cunha primeira fase que rematará no verán, e que afectará ao núcleo de Vimianzo. Noutra intervención, tamén nesta primeira fase e que se elaborará a posteriori, estenderase a todo o val da capital de Soneira e á parroquia de Calo.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, e a técnica municipal, Lorena Cernadas, reuníronse con membros do equipo técnico de Rede Aberta, que xa está solicitando permisos para poder acometer estas actuacións.

Desde o Concello levaban moito tempo na busca dunha solución para dotar deste servizo a toda as parroquias e lugares. Actualmente, a capital municipal non posúe fibra en todas as rúas, “e o que se trata con este plan é de dar unha cobertura integral a toda esta zona”, afirman.

A idea é continuar coas actuacións logo da tempada estival para poder chegar de xeito progresivo ao resto de parroquias, para que todos os núcleos poidan contar con este servizo á maior brevidade posible. Outro dos puntos que se tratou na reunión foi respecto á subvención concedida á Administración local e segundo a cal se poderá dotar a Vimianzo de puntos públicos, tanto interiores como exteriores, con redes wifi abertas. Nunha primeira previsión acometeranse os traballos para deixalos finalizados antes de febreiro de 2022.

Aseguran os responsables municipais que estas iniciativas son o “punto de partida” para dar resposta a unha vella demanda da veciñanza e posibilitarán que “Vimianzo sexa, por fin, un municipio cunha conectividade á altura das súas necesidades”, conclúen. J. M. RAMOS

05 jun 2021 / 17:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.