Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Plantexan converter o hotel El Hórreo nun xeriátrico de ámbito comarcal

Sempre Corcubión propón dotar á zona dun servizo que non ten // Din que se recuperaría tamén un ben patrimonial “botado a perder”

O grupo municipal Sempre Corcubión (SC) vén de lanzar un reto ao Concello, á Deputación da Coruña e á Xunta de Galicia: mercar o antigo hotel El Hórreo, que foi nos seus tempos unha icona turística da Costa da Morte, para convertelo nunha residencia comarcal da terceira idade.

Alfredo González, portavoz de SC, di que “aínda que pareza utópico o proxecto, o que faltaría é vontade política”. Dende o seu grupo aportan ademais ideas para poder levalo a bo porto. Así, din que a adquisición do inmoble podería formalizarse mediante un acordo cos actuais propietarios (que descoñecen quenes son) ou ben por “apropiación do ben por falta de pago de débeda co Concello”.

A este respecto, sinala que, segundo informara o alcalde nun pleno, a débeda dos seus titulares co Concello corcubionés en concepto de IBI achégase aos 100.000 euros e “sería imperdoable a perda desta recadación para as arcas municipais”.

Unha contía que, engade, serviría de partida para “iniciar o camiño da adquisición como ben de patrimonio público”. Lembra que o inmoble foi unha icona turística “polas súas vistas e o uso da talasoterapia, e conta cunha pintura de José Ramón Villar Chao que corre o risco de perderse”, pois o recinto “xa foi obxecto dun incendio”.

Ademais de recuperar un “patrimonio que se bota a perder”, dende Sempre Corcubión aseguran que a idea de reconvertelo para uso xeriátrico e de residencia da terceira idade “vén motivada pola inexistencia deste servizo estritamente público en toda a comarca de Fisterra”. Por iso, entenden que a administración debe dar resposta “a unha poboación envellecida, sobre todo ás persoas que viven soas, pois o actual programa de acompañamento non cubre as 24 horas”.

Alfredo González asegura que a proposta de Sempre Corcubión “produciría cambios non só na saúde da xente, senón tamén na economía, na demografía e na loita contra a pobreza, e busca a inclusión social das xeracións actuais e tamén das futuras”.

05 abr 2021 / 16:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.