Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Preto de dúascentas obras optaron aos premios literarios da biblioteca de Cee

A entrega de premios será o luns, día 16, a partir das 18.00 horas, na Casa da Cultura

A Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán, de Cee, fixo público o fallo do xurado referente ao XXXI Concurso Literario de Achegamento ó Libro. A obra gañadora de 1º e 2º curso de Primaria foi O trasno máxico de Asier Triñanes Lestón, do Colexio Manuela Rial Mouzo. Ademais recibiron accésits Dúas amigas atrapadas nun libro, de Sira Simón Piñeiro, tamén do Manuela Rial; O gato perdido, de María Domínguez Túñez, do C.E.I.P. A Igrexa – Brens; Os animais van ao cole, de Sofía Paz Pazos, do C.E.I.P. A Igrexa – Brens, e Os irmáns e as pinturas máxicas, de Carmen González Oliva, do Colexio Manuela Rial Mouzo.

Na categoría de 3º e 4º de Primaria o primeiro premio foi para Brais sen Wifi, de Adrián Soto Riera, do Colexio Manuela Rial Mouzo, e outorgáronse accésits A historia maravillosa, de Lara Mosquera Leis, do Colexio Eugenio López e A mellor das veciñas, de Ada Martínez Outes, do Colexio Manuela Rial.

Pola súa banda en 5º e 6º de Primaria o xurado elixiu como gañador O conto que nos papou, de Ían Canosa Domínguez, do Colexio Manuela Rial Mouzo, e recibiu un accésit A lectura, de Gaizka Lago Elorza, do mesmo centro educativo.

No tocante ao XVIII Concurso En Busca do noso marcapáxinas a obra gañadora foi Ler, ler e ler...é o meu superpoder, de Antón Sambade Vázquez, do Colexio Manuela Rial Mouzo. Neste certame tamén se outorgaron accésits ás obras En cada libro un mundo novo, de Uxía Iglesias Neu, do Colexio Eugenio López, Pérdete na lectura, de Jorge Méndez Alvariño, do Colexio Manuela Rial, e Árbore de letras de Ana Paz Canosa, do Colexio Eugenio López.

Sinalar que o número de obras presentadas aos diferentes concursos deste ano 2022 foron un total de 189 e nos trinta e un anos de vida (1992-2022) destes certames contabilízanse 7.838 traballos.

A entrega de premios será o luns 16 de maio ás 18.00 horas no Auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura de Cee. Antes do acto da entrega, o público asistente terá a oportunidade de asistir ao espectáculo que ofrecerá a compañía Trémola Teatro, centrado na vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán.

Estes concursos teñen como “obxectivos fundamentais fomentar a creación literaria, promocionar a lectura e facilitarlle aos nenos da nosa comarca canles de expresión creativa na nosa lingua, para desta maneira contribuír a crear unha sociedade onde o libro e a lectura en lingua galega teñan un papel destacado entre a nosa xuventude”, afirma José Ramón Rey, responsable da biblioteca ceense.

Quere facer público ademais o seu agradecemento “aos diferentes medios de comunicación que colaboraron difundindo a convocatoria dos concursos da presente edición, a tódolos mestras e mestres dos centros educativos da comarca que animaron aos rapaces e rapazas a participar nos mesmos, e a todas e todos os participantes por agasallarnos coas súas obras, sen dúbida, froito dun laborioso traballo, dada a calidade das mesmas”.

14 may 2022 / 07:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.