Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Primeiro albergue turístico para Camariñas con corenta e seis prazas

Camariñas. O Concello de Camariñas verá reforzada a súa oferta de aloxamento con dous novos establecementos. A xunta de goberno acordou conceder a licenza para a construción do primeiro albergue turístico do municipio, que estará situado en Area da Vila e que será bautizado como Devalar do Mar.

O arquitecto deste novo proxecto, Maximino Manuel Aguiar Baña, presentou unha proposta para a creación dun espazo multiexperiencia que disporá dun total de quince habitacións: once dobres, que suman vinte e dúas prazas de aloxamento, e catro múltiples, con capacidade para outras vinte e catro persoas.

Ademais, o goberno camariñán concedeu outra licenza similar, neste caso a proposta dos arquitectos Diego Freire e Soledad Pérez Méndez, para transformar unha vivenda nunha casa de hóspedes na rúa Ramón Noguera baixo o nome de O Mar de Preciosa.

A alcaldesa, Sandra Insua, destacou a importancia de que “continúe aumentando a oferta de aloxamentos no municipio para responder á afluencia de visitantes que se prevé no verán xa que, ao igual que o pasado ano, Camariñas destaca como un destino seguro que aposta polo turismo ao aire libre aproveitando as nosas rutas de sendeirismo e as fermosas paisaxes do territorio”. J. M. R.

CORCUBIÓN
Praza Agra da Ribeira

··· En Corcubión, o pleno vén de habilitar 230.000 euros do remanente para investimentos. As actuacións previstas son o saneamento no camiño do Carro (20.000 €); a reforma integral da praza Agra da Ribeira, para o cal reservarán 35.000 € para complementar o orzamento (155.000 €); a reparación do firme da vía da urbanización de Quenxe (30.000 €); a rehabilitación do campo de fútbol e o pavillón (50.000 €); a adquisición de terreos para crear novos aparcamentos e ampliar o paseo marítimo (15.000 €); a rehabilitación de elementos de protección (16.000 €); a mellora de fosas sépticas en Redonda (10.000 €); a renovación de mobiliario urbano (10.000 €); e a mellora da eficiencia enerxética no Vilar (10.000).

28 may 2021 / 16:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.