Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Prohíben o consumo de auga da traída de Muxía tras confirmarse que pode ser a causante do brote de gastroenterite

As últimas análises detectaron a presenza de bacterias por enriba dos valores normais // O Concello manterá cortado o subministro ata que rematen os labores de vaciado dos depósitos e a desinfección da rede

Aínda que as primeiras analíticas feitas o xoves confirmaban a potabilidade da auga da traída municipal de Muxía, a empresa contratada polo Concello para realizar un estudo máis en profundidade vén de confimar a “aparición de bacterias nuns valores non axeitados para o consumo directo, pero si para a súa utilización no aseo persoal e similares”. De momento, descoñécese a orixe desta contaminación pero, á espera de novas análises, todo apunta que a causa do brote de gastroenterite que afecta a máis de corenta veciños e veciñas pode estar na mala calidade da auga.

O grupo de goberno que encabeza Iago Toba, coa fin de primar a seguridade e prever males maiores, acordou prohibir o consumo de auga do abastecemento municipal. Procederán ademais ao vaciado de todos os depósitos e á limpeza e desinfección seguindo todos os protocolos esixidos nestes casos. Todos os traballos serán supervisados pola empresa especializada neste eido.

Dende o Concello manteñen tamén unha constante colaboración e intercambio de información, datos e procedementos a seguir coa Consellería de Sanidade. Acordouse ademais cortar o subministro, “sabendo das molestias que poida ocasionar, ata que se remate con todo o proceso de limpeza e ata que o auga teña valores óptimos para o consumo”, afirman.

O goberno local, engaden, decidiu tomar estas medidas para “facer prevalecer a saúde dos veciños e veciñas de Muxía. Nestes momentos estamos xestionando con diferentes empresas o abastecemento de auga embotellada para garantir a veciñanza o seu consumo, e anunciaremos cando e como se levará a cabo nas vindeiras horas”.

01 oct 2021 / 12:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.