Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Quintana di que o servizo de practicaxe na Costa da Morte era moi deficitario

Traballan para recuperalo dun xeito que sexa sostible a nivel técnico e económico // O BNG teme pola seguridade marítima

MANUEL LAVANDEIRA

Cee

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, expuxo este venres no Parlamento que a Xunta está a traballar “co obxectivo de ofrecer o mellor servizo de practicaxe posible nos portos de Laxe, Cee e Corcubión dun xeito que sexa sostible tanto económica como tecnicamente”, afirmou. Hai que lembrar que dende o xoves, día 1, no esta operativo o servizo.

Subliñou que o porto de Cee recibiu entre 2019 e 2021 un total de 225 barcos que requiriron o servizo do práctico, unha media dun barco cada cinco días, e a previsión de peche deste ano é aínda inferior. Nesta liña, detallou que “os ingresos anuais por taxas portuarias non chegan a 100.000 euros e as compensacións que tivo que aboar Portos de Galicia ao práctico por non acadar os ingresos mínimos establecidos na prestación sumaron 360.000 € entre 2019 e 2021, polo que estamos ante un servizo totalmente deficitario”.

Ante esta situación, Quintana incidiu en que a Consellería “busca solucións que permitan ofrecer o servizo con todas as garantías e máis acordes ás necesidades que debe cubrir”. Iso é o que busca o prego regulador do servizo de practicaxe dos portos de Laxe, Cee e Corcubión elaborado por Portos e que foi aprobado pola Dirección Xeral da Mariña Mercante.

Detallou que o prego recorre á figura de práctico substituto —que podería cubrir as necesidades da área de Cee e as doutros portos como Cariño, Burela, Celeiro ou Ribadeo— garantindo unha retribución anual estimada para o práctico de Cee de 110.000 € anuais. De feito, explicou, o prego establece unha suba das tarifas de preto do 8 % en relación coas actuais e fixa a compensación económica anual máxima ao práctico en 50.000 € máis IVE.

Rosa Quintana salientou que esta fórmula permitiría ter o servizo “perfectamente cuberto pois se ben a embarcación debe estar no porto para dar apoio aos barcos, non é preciso que estean os medios humanos, que poden estar nesta ou noutras dársenas. Nesta liña, o prego “garante totalmente o servizo pois os consignatarios ou armadores quedan obrigados a comunicar ao práctico a chegada dos buques a porto con antelación, confirmala como mínimo 48 horas antes da entrada e ratificala 6 horas antes da prestación do servizo, o que permite ao práctico planificar e organizar a súa actividade nos distintos portos”.

A maiores, a titular de Mar lembrou que o servizo de práctico ten como función acompañar aos buques no acceso ao porto, co que as medidas adoptadas cumpren con ese obxectivo “e para nada é unha solución que poña en risco a seguridade marítima”. Asegurou ademais que a Xunta está traballar da man de Xeal —principal usuaria do servizo de práctico— para acadar alternativas que non penalicen o servizo portuario.

Pola súa banda, o deputado do BNG, Daniel Álvarez, acusou ao Goberno galego de “obviar as súas obrigas respecto da seguridade marítima”. No corredor de Fisterra, detallou, “hai unha alta exposición a accidentes, xa que por alí pasan cada ano 40.000 buques e moitos levan mercadorías perigosas”. Mencionou o caso do buque Sichem Formol, un gaseiro de 106 metros de eslora que navegaba en condicións adversas cunha carga de 6.000 toneladas de ácido sulfúrico. “Foi o servizo de practicaxe o que reconduciu a situación do navío, xa que a axuda foi solicitada polo capitán”, alertou.

Representantes de Xeal e da Unión Local da CIG de Cee concentráronse este venres ás portas do Parlamento de Galiza para exixir “responsabilidades políticas polo desleixo político intencionado da Xunta por deixar sen efecto o servizo de practicaxe na ría de Corcubión e na Costa da Morte, que afecta tamén aos portos de Corme e de Laxe”. Demandaron ademais un “pronunciamento político conxunto de alcaldes e alcaldesas contra esta decisión”.

03 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.