Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Rafael Lema recolleu nun libro as lendas e os mitos locais da Costa da Morte

A obra segue o percorrido e a estrutura do Camiño dos Faros // O autor di que “a nosa mitoloxía segue vive e cóntase nas casas”

Encantos, meigas, mouros, serpentes lendarias, sereas, tesouros soterrados, seres fabulosos e as ánimas que vagan polos camiños son os protagonistas do libro Camiño dos Faros. Leyendas de la Costa da Morte, obra do historiador porteño Rafael Lema, e que vén de publicar GuíaBurros, dentro da súa colección de ocio e tempo libre.

Ao recibir o encargo da referida editorial, Lema pensou que “nada mellor que o Camiño dos Faros como nexo común para unificar a temática do libro” que, de feito, está estruturado en oito capítulos, o mesmo número que etapas ten a ruta dos trasnos. Non obstante, engadiulle algo máis de territorio, polo norte e polo sur, para recoller todas as lendas vinculadas á comarca de Bergantiños e tamén as da contorna de Corcubión, Cee e o monte Pindo.

Un camiñante é o protagonista desta obra, “que a medida que vai percorrendo os tramos desta ruta vai contando as lendas e mitos de cada aldea pola que pasa”, afirma Rafael Lema.

“Hai lendas que son moi comúns, pero neste libro centreime máis nas variantes locais, que son tamén moi abundantes, como as que fan relación aos mouros dos castros e aos teosuros”, engade.

Moitas delas, segundo Lema, “non son coñecidas polo gran público, e temos na Costa da Morte seres mitolóxicos moi singulares, e tamén se hai santuarios que foron cristianizados a partir de ritos pagáns, producíndose tamén unha cristianización das lendas vinculadas aos mesmos”.

A Orca Vella, a Buserana, A Xupa, o Vákner, os Biosbaros, o Gazafellos ou curiosas personaxes coma a do Xan, que aparece en Arou e outros puntos da Costa da Morte, ou a raposa que ouvea de noite en Camariñas e noutros puntos da contorna, son algúns dos protagonistas que Rafael Lema levou á súa obra recollendo as lendas e os mitos creados ao redor deles.

O historiador porteño asegura que “a nosa mitoloxía segue moi viva, xa que aínda se conta nas casas e hai xente que cré nela”. Esta é a primeira obra que recolle no seu conxunto toda a historia lendaria destas comarcas atlánticas e, segundo o seu autor, “ten un obxectivo divulgativo para que a xente poida coñecer e descubrir mitos e lendas que só se coñecen a un nivel máis local”.

Ademais, Lema asegura que, deste xeito, os camiñantes que veñen a percorrer o Camiño dos Faros atraídos polas paisaxes e a natureza virxe da Costa da Morte, “poderán descubrir tamén que esta é unha terra máxica e cunha cultura ancestral”.

Dende a editorial aseguran que esta publicación, da mana de Rafael Lema, “encherá o camiño de maxia, engadindo ás mochilas de cada viaxeiro as lendas dos nosos antepasados”.

Cómpre lembrar que, recemente, GuíaBurros vén de publicar tamén El Camino de Santiago y el juego de la oca, de Sebastián Vázquez. Unha obra na que igualmente teñen un gran protagonismo as lendas da Costa da Morte, neste caso vinculadas á ruta xacobea. O autor da mesma, defende que o “paraíso” atópase na ermida da Virxe do Monte, en Camariñas, dende onde se desprazou a virxe ata a outra beira da ría, para encontrarse no que hoxe é o santuario da Virxe da Barca co Apóstol Santiago. Historias que forman parte desa maxia que envolve as terras que conforman a Costa da Morte.

23 nov 2020 / 18:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.