Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Renovan a cuberta e envolvente da lonxa de Muxía e reforzan as defensas do porto

En Caión avalían unha reorganización para un mellor aproveitamento dos espazos do peirao

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir máis de 360.000 euros en dúas obras de mellora das instalacións portuarias de Muxía. Así o comunicou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á zona para comprobar o desenvolvemento de ambas actuacións, consistentes na reposición da envolvente da lonxa así como a dotación de defensas e escadas.

No caso da envolvente da lonxa, trátase da renovación da cuberta do edificio así como o revestimento da fachada de panel de chapa metálica. As planchas actuais serán substituídas por panel sándwich para garantir a súa impermeabilización. Ademais, na cuberta intercalaranse paneis translúcidos para permitir a entrada de luz natural ao edificio. Renovaranse tamén os canlóns e algúns elementos auxiliares.

Polo que respecta á dotación de defensas e escadas, esta obra atópase na súa fase final e consiste na instalación de 15 defensas no peirao da lonxa e 10 na atracada da fábrica de xeo. Ademais substitúense as escadas de madeira por outras de gato de aceiro inoxidable.

Susana Lenguas lembrou que estas obras súmanse a outra executada nos últimos meses para a renovación do pavimento do bordo portuario, cun investimento de 50.000 euros, así como ás actuacións previstas de inicio inminente para a reposición de varandas. Estes últimos traballos inclúense dentro do contrato global para a substitución destes elementos en máis da metade dos portos autonómicos, por importe total de 153.000 euros. “Estamos a falar polo tanto de máis de 400.000 euros destinados a obras executadas en Muxía en 2021”, subliñou a presidenta de Portos.

A mandataria autonómica tamén visitou o porto de Caión, onde acompañada polo alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e polos concelleiros Jesús Souto e José Ramón Martínez Barbeito, analizou diversas cuestións que afectan tanto ás infraestruturas como ao funcionamento do peirao. Un dos asuntos tratados centrouse na procura da mellor solución para as piscinas interiores da nova zona portuaria, onde se está a estudar unha intervención que posibilite unha máis óptima organización e aproveitamento dos espazos existentes.

Tamén se abordaron temas técnicos, entre eles o relativo á ocupación do dominio público portuario para o desenvolvemento de iniciativas de interese xeral para a cidadanía. Na xuntanza púxose de manifesto “a boa sintonía entre o Concello e Portos de Galicia para traballar xuntos polo ben común de mellorar o peirao caionés en beneficio tanto da actividade portuaria desenvolvida polos profesionais da pesca e as embarcacións de recreo, como da poboación larachesa e o sector turístico en xeral”, sinalan desde o goberno local.

18 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.