Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Restaurado o Cruceiro de Cheis e instalado novamente na súa ubicación orixinal

Os primeiros estudos apuntan a que a súa orixe se remonta ao século XIV // Descubriron capas de preparación que fan pensar que puido ser pintado

O Concello de Vimianzo rematou os traballos de recuperación do Cruceiro de Cheis, novamente instalado na súa ubicación orixinal. As tarefas abrangueron desde a adecuación da contorna ata as actuacións na base e no propio ben.

A falta da entrega da memoria técnica, todo parece indicar que a súa orixe se remonta ao século XIV. Un dos descubrimentos máis relevantes foi atopar capas de preparación, que fan referencia aos distintos niveis que se aplican para poder pintar sobre él, na cabezada Virxe, nas mans do neno Xesús e nas vestimentas.

Ademais das figuras obvias, as persoas encargadas da recuperación tamén sacaron á luz unha nova: a que parece representar a persoa que pagou o Cruceiro de Cheis, e que o fixo a modo de penitencia, porque a pesar de vestir de nobre, está descalzo.

Tamén se pon de relevancia que a vara é posterior ao corpo iconográfico, que o núcleo está en boas condicións e todos os chanzos presentan ou ben petróglifos ou ben marcas de canteiro, que se estudarán detidamente na fotogrametría.

Por outro lado, reconstruíuse o perímetro de observación, de dous metros a cada lado e configurouse novamente o valado intentando respectar os liques para non alterar a paisaxe que circundaba o cruceiro orixinalmente. “O resultado, que salta á vista, supón un antes e un despois na instalación do ben”, afirman dende o goberno local.

Na escavación, no propio lugar de asentamento do cruceiro, realizouse unha nivelación e conformouse unha nova zapata. Sobre esa peza colocouse un drentes, que é unha lámina que impide que as sales emigren cara arriba e afecten á pedra. O equipo de traballo afirma que “aínda que quedan moitas probas por realizar a posteriori, como a análise da iconografía, o estudo dos rostros das figuras, as formas, os pregamentos e determinar dunha maneira exacta coas probas de reactivo o significado das capas de preparación”.

Desde o goberno local sinalan que “o resultado non pode ser máis satisfactorio, e seguiremos impulsando liñas de traballo enfocadas na conservación e posta en valor dos bens deste tipo, que en Vimianzo abondan e son patrimonio de todas e todos os vimianceses”, salientando “que dentro do equipo de traballo se atopaba un vimiancés, o canteiro Ismael Cernadas, a quen xunto coas arqueólogas Mónica Borrazás e Cristina Seoane, e a restauradora Comba Torre, agradecemos enormemente a súa implicación nas tarefas de recuperación deste Cruceiro de Cheis”.

04 sep 2022 / 11:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.