Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Retoman as mobilizacións nas rúas os traballadores de Xeal de Cee e Dumbría

Convocaron dúas manifestacións en Santiago e unha concentración diante da fábrica ceense // Demandan un plan industrial e de viabilidade das factorías de ferroaliaxes

A asemblea de traballadores e traballadoras de Xeal acordou retomar as mobilizacións en setembro para exixir da empresa que presente un plan industrial e de viabilidade das fábricas de Cee e Dumbría, que recupere todo o emprego destruído nos últimos anos e que aplique o convenio colectivo propio actualizado.

A primeira das protestas terá lugar en Santiago o xoves 15 de setembro, cunha manifestación que sairá ás 11.00 horas da entrada principal do edificio administrativo da Xunta de Galiza (rúa Otero Pedraio) e rematará diante das oficinas de Augas de Galiza, situadas na Praza Camilo Díaz Baliño.

A esta mobilización seguiralle outra concentración o xoves 22 diante da entrada da fábrica de Brens (Cee), ás 14.15 horas. E para o día 29 de setembro, o persoal repetirá manifestación en Santiago co mesmo horario e percorrido.

“Con estas mobilizacións quérese reclamar da dirección de Xeal que presente de inmediato un plan industrial e de viabilidade das fábricas, tendo en conta que as actividades de xeración de enerxía eléctrica e de fabricación de ferroaliaxes forman unha unidade produtiva única; así como que restableza e fixe un número mínimo de cadro de persoal en relación ao nivel de emprego existente no ano 2019”, sinalan dende o comité.

Aseguran que dende a chegada do fondo de investimentos Sixth Street Partners e Ithaka “destruíronse máis de 30 postos fixos e aproximadamente 80 eventuais e a industria

auxiliar practicamente desapareceu, co impacto que isto supón para o emprego da comarca”, afirman. Ademais, engaden, “nestes momentos só hai un forno en funcionamento en cada unha das fábricas. A pesar deste recorte drástico da produción e o desmantelamento progresivo das instalacións de Cee e Dumbría, Xeal multiplicou por seis seus beneficios. E agora pretende aumentar a produción de enerxía con dúas novas explotacións hidroeléctricas para engordar aínda máis os seus beneficios, mais sen cumprir coas cláusulas concesionais de acordo aos termos interpretados recentemente pola sentenza do TSXG do 5 de novembro de 2020”.

Xunto á defensa do futuro industrial e do mantemento do emprego, con este calendario de protestas “o persoal quere responder aos ataques aos dereitos laborais, salariais e sociais cometidos pola empresa e reclamarlle a aplicación do convenio colectivo de Xeal Cee, Dumbría e Centrais Hidroeléctricas, actualizado”, conclúen.

08 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.