Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Saínza. A punkiereteira’, a nova obra da escritora ceense María Canosa

Cee. A escritora ceense María Canosa ten libro novo: Saínza. A punkiereteira, un álbum ilustrado pensado para a rapazada e a adolescencia que, segundo a autora, é “un canto á defensa da natureza, da lingua, da música, do traxe galego.... dos zocos e da pandeireta! Un canto de fachenda á identidade propia”. Saínza Loureiro, unha rapaza afouta da que se comeza a contar a súa historia cando cambia de centro escolar, é a protagonista.

Un cambio que lle supón tamén cambiar de amizades, de localización, de costumes e de entorno o que a fai sentir diferente aos demais compañeiros. O seu refuxio é a súa casa, o rural, a súa avoa, os costumes cotiás e “pouco a pouco vai atopando un pequeno grupo de amigas nas que vai pousando a súa confianza. Delas aprenderá, pero tamén lles ensinará o seu entorno, as súas raíces, a vida rural, a defensa da tradición e da cultura”, subliña María Canosa.

Unha historia que foi ilustrada por Cristian Caruncho, un ilustrador moi novo, “pero con moito que dicir, que no seu traballo sempre defende estes mesmos valores”, sinala a autora. Para crear o estilismo de Saínza baseouse no grupo musical As punkiereteiras, do cal aparece tamén unha letra dunha canción no libro.

Xosé Luis Martínez, emprendedor de A Costureira, xuntou a creatividade de ambos e converteu tamén a súa empresa en selo editorial con esta primeira publicación, que xa foi presentada en Couzadoiro, As Pontes, Ponteareas, Boiro, Santiago e A Coruña. “Estamos seguros de que Saínza ten moito por dicir, e por iso agardamos que ese experimento saía ben para poder facela medrar en aventuras para o lectorado”, conclúe María.

15 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.