Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sandra Vilela califica de “pésima” a xestión económica do alcalde de Muxía

Acúsao de “esconderse” detrás da suba do prezo da luz e da auga // Di que aínda non se pagou a Festa dos Maiores e que o Concello incumpre os periodo de pago a provedores

A portavoz do PP de Muxía, Sandra Vilela, acusa ao alcalde, Iago Toba, de pretender “esconder a súa pésima xestión económica á fronte do Concello detrás da subida do prezo da luz e da auga”. Censura que o executivo local decidise sacar adiante a aprobación dunha partida complementaria do Plan de Obras e Servizos (POS) para facer fronte ao custo destes servizos.

“Estamos ante un novo truco dun trileiro como é o rexedor muxián que, en lugar de recoñecer a súa nefasta planificación escúsase na subida da luz e da auga”, afirma Vilela, quen lembrou que Muxía non é o único Concello no que se incrementou o gasto por estes dous servizos.

Neste sentido, a portavoz dos populares lembra que hai menos de dous meses o goberno local xa botou man de 150.000 euros das contas de todos os veciños para poder pagar os recibos da luz e do auga. “O que sucede en Muxía é unha auténtica barbaridade. Temos a un alcalde que nin goberna, nin xestiona e, o que é peor, as consecuencias de todo iso afectan os recursos da xente do concello que queda sen outros servizos que son máis que necesarios”, lamentou Vilela.

Falta de pagamentos e requirimentos da Xunta

Desde o PP achacan tamén á “caótica xestión económica” o feito de que o Concello continúe “sen pagar a Festa dos Maiores celebrada o pasado mes de maio”. No seu momento, lembra, “xa advertimos que o procedemento para a súa contratación era, polo menos, de dubidosa legalidade, o que provocou que non se poida facer fronte a este gasto”, explicou Vilela, quen fixo fincapé tamén nos requirimentos que a Xunta de Galicia enviou ao Concello de Muxía “por incumprimento do período de pago a provedores”.

“Estamos a falar dun asunto moi serio, tendo en conta que, de non arranxalo, os veciños de Muxía pódense quedar sen as partidas que lles corresponden dos Orzamentos Xerais do Estado e sen as subvencións que outorga o Goberno Autonómico”, concluíu Vilela.

07 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.