Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Seis concellos buscan vías de axuda para arranxar os desperfectos do temporal

A subdelegada do Goberno informou aos alcaldes e alcaldesas dos pasos a seguir // Poderán beneficiarse tamén particulares

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, acompañada pola responsable de Protección Civil, Dolores Gómez, reuniuse na capital de Soneira cos alcaldes e alcaldesas de Cee, Camariñas, Dumbría, Muxía, Ponteceso e Vimianzo para informarlles das axudas dispoñibles para paliar os danos ocasionados polas recentes inundacións que se produciron neses municipios co paso da borrasca Karim.

López-Rioboo explicoulles que os beneficiarios poden ser as unidades familiares ou de convivencia económica que sufriran danos persoais ou materiais en vivendas e enseres; comunidades de propietarios, por danos materiais en elementos de común uso xeral; as corporacións locais, para cubrir gastos de actuacións en situacións de emerxencia, e persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos mercantís, industriais ou de servizos, por danos nos locais de negocio ou bens afectos á actividade.

As peticións deben presentarse na Subdelegación do Goberno na Coruña por parte dos particulares e por sede electrónica no caso dos concellos, no prazo máximo dun mes desde o día seguinte á data dos feitos.

A Delegación do Goberno elaborará un informe para avaliar a zona territorial e o volume de poboación afectada, a relación directa e determinante de causalidade entre os feitos e os danos derivados da situación, e tamén describir os feitos, a súa causa e orixe, coa xustificación da gravidade dos mesmos.

A contía das axudas poden cubrir no caso das corporacións locais ata o 50% dos gastos de emerxencia, sempre que o seu importe supere o 3% do capítulo II do orzamento de gastos. As posibles achegas están reguladas polo Real Decreto 307/2005, e tramítanse a través da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior, en colaboración co Ministerio de Política Territorial e Función Pública.

Paseo. Antes da xuntanza, a subdelegada, acompañada pola alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e responsables provinciais da Garda Civil, visitou o cuartel da localidade, que sufriu “danos de importancia” a causa das inundacións da pasada semana. Tamén comprobou os danos provocados polas riadas no paseo fluvial vimiancés e na zona dos Penedos.

A rexedora de Vimianzo agradeceu a vontade da Subdelegación do Goberno, e asegurou que “somos concellos con danos importantes e precisamos axudas, así como coñecer a cales nos podemos acoller porque os danos sufridos nas vías municipais e nos edificios públicos son considerables”.

A súa homóloga de Camariñas, Sandra Ínsua, sinalou ademais que “é moi importante actuar coa maior celeridade posible, xa que hai actuacións que demandan unha intervención axiña, e ser coñecedores tanto da lexislación como dos parámetros técnicos axudaranos a reaccionar ante os efectos do temporal”.

Pola súa banda, o alcalde de Muxía, Iago Toba, recalcou a “necesidade inmediata de obter cobertura, tanto técnica como económica, para poder subsanar os danos provocados por esta borrasca. Son moitas as vías e camiños afectados e a coordinación entre administracións será fundamental para reverter esta situación”.

01 mar 2021 / 17:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.