Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Seis quilómetros de senda peonil en Corcubión para desfrutar do bordo litoral

Unirá a zona urbana de Quenxe co faro de cabo Cee // Suporá un investimento equivalente ao orzamento anual do Concello

A Deputación da Coruña adxudicou este xoves por 928.777,31 euros as obras de construción dunha senda peonil e ampliación e mellora da estrada DP-2801 de Corcubión a San Roque por Redonda, que permitirá unir a zona urbana de Quenxe co faro de Cee, un percorrido de arredor de 6 quilómetros.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde corcubionés, Manuel Insua, presentaron no faro o proxecto, que permitirá configurar un gran itinerario peonil no municipio e que supón un dos maiores investimentos da área de Vías e Obras da Deputación durante este ano e o maior realizado en Corcubión até agora.

Os traballos “que se iniciarán en semanas e estarán rematados a vindeira primavera suporán unha notable mellora na seguridade peonil, tanto para os veciños e veciñas que usan este itinerario para pasear e facer deporte como para os miles de visitantes que conflúen neste punto no período estival”. Forman parte dun “ambicioso proxecto de futuro para crear un gran itinerario peonil que circunde boa parte da costa de Corcubión e que permita gozar das paisaxes únicas que ofrece”, indicou González Formoso.

Ademais, subliñou que “xa se está deseñando unha segunda fase para executar un tramo de 200 metros ao comezo do núcleo de Quenlle porque neste caso é necesaria unha intervención de difícil execución”.

Pola súa banda, o alcalde de Corcubión, Manuel Insua, destacou que se trata dun “investimento moi importante para un municipio coma Corcubión, pois practicamente equivale ao orzamento anual do Concello”.

Explicou que “isto vai a ser un antes e un despois, non só para os veciños e veciñas se non para os municipios próximos porque vai crear un hábito de paseo dando a volta á península da Redonda”.

Tamén sinalou que “hai moi poucos sitios na provincia que teñan estas vistas, xa que desde o punto onde finaliza a senda peonil pódense ver o monte Pindo, a illa Lobeira e o cabo Fisterra” e adiantou que “non vamos a quedarnos aí, queremos que teña continuidade”.

As obras abarcarán desde o punto quilométrico 0+780 (Quenxe) ao 2+554 bordeando a ría. Executarase a ampliación da vía ata os 7 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros, beiravías de medio metro na marxe esquerda e unha senda peonil de 2 metros de ancho ao longo de toda a marxe esquerda.

As actuacións prolongaranse tamén ao ramal que conduce ao faro de Cee pasando polo campo de fútbol. Alí o vial contará cunha anchura de 6 metros, con dous carrís de 3 metros, beiravías de medio metro e unha senda peonil de 2 metros.

Dentro das accións tamén se inclúen a reubicación dunha marquesina, a demolición e construción dun muro de pedra, a reposición das obras de drenaxe transversal existentes e a drenaxe lonxitudinal e sinalización horizontal e vertical. As obras requeriron a expopiación de máis de 20.200 metros cadrados.

As actuacións completaranse nun futuro co proxecto da Senda dos Faros, incluído no Plan Director de Mobilidade do goberno provincial, consistente na construción de rutas ciclistas e peonís que conectarán un total de 11 faros ao longo da provincia, entre eles o de Cee, que se atopa en funcionamento desde o 1860, e que permitirá crear unha gran senda para pasear arredor da península da Redonda.

A Deputación afianza con estes proxectos a súa aposta por un novo modelo de mobilidade, sostible e respectuoso co medio ambiente que leva non só ás areas metropolitanas dos grandes concellos, senón aos pequenos concellos rurais da provincia.

A Bandeira de Traíñas, en Corcubión

González Formoso aproveitou a visita para anunciar que a tradicional Bandeira de Traíñas da Deputación da Coruña regresará a primeira fin de semana de setembro, tras ter que suspenderse o ano pasado pola pandemia, e terá lugar na ría de Corcubión.

Así, a Deputación organizará a 32ª edición na categoría masculina e a 3ª na feminina para as que se destinan 24.600 euros en premios en total, distribuíndose en 12 equipos masculinos e 6 femininos. O percorrido que os clubs participantes terán que facer en Corcubión será de 5.556 metros (3 millas mariñas).

“Por primeira vez a Bandeira de Traíñas chegará a Corcubión, unha vila mariñeira con tradición remeira e onde confluirán ao redor de 200 remeiros e remeiras de todo o norte de España, facendo que este municipio sexa protagonista do remo durante esa fin de semana”, destacou Valentín González..

01 jul 2021 / 18:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.