Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Servizos Sociais e voluntarios de Cee velan pola integración de cinco familias ucraínas

No mes de maio chegaron á vila 14 refuxiados ao amparo dunha iniciativa da empresa Xeal // Aclaran que son “o único concello que está a traballar” con estas persoas

A concellería de Servizos Socais de Cee, que preside Emilia Trillo, en relación a unha nota de prensa difundida en días pasados na que Xeal agradecía ao Concello de Dumbría a colaboración prestada no proxecto Anida para acoller a refuxiados ucraínos, quere puntualizar que a empresa “púxose en contacto con nós” para organizar a acollida de 5 familias ucraínas (14 persoas) procedentes de distintas partes de España, que chegaron a mediados de maio ás vivendas que a compañía posúe preto da fábrica de Brens. “Dende o primeiro momento a concellería e os servicios sociais de Cee involucráronse totalmente para tentar que as familias lles resultara máis doado adaptarse a nova situación”, afirman.

A tal fin, engaden, dende o concello falaron co colexio Eugenio López para que os nenos se poideran matricular e asistir a clases o tempo que restaba de curso, “tendo unha moi boa acollida por parte de toda a comunidade escolar, dende os propios alumnos e os pais ata os profesores”. Tamén contactaron coa Cruz Vermella de Cee para conseguir un profesor de castelán, “sendo unha profesora do IES Fernando Blanco quen lles está a prestar este apoio nas dependencias que a Cruz Vermella ten nos baixos do edificio do concello ceense”.

Así mesmo, subliñan, a concellería e o persoal de servizos sociais están en permanente contacto con outras administracións para saber os pasos a seguir en todo momento, coma por exemplo a tramitación administrativa de cuestións ordinarias como a tarxeta sanitaria. “A maiores hai moita xente axudando (persoal do hospital, tradutora, voluntarios...) que está a ser coordinada dende a concellería de Servizos Sociais”. Por todo, consideran que “é de xustiza recoñecer o traballo dos profesionais e voluntarios que día a día están axudando a estas persoas , sendo necesario aclarar por outra banda que o único concello que está a traballar con estas familias é o Concello de Cee”.

21 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.