Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sexto encontro internacional do proxecto europeo #EuSAVE en Vimianzo

O xoves celebrarase unha xornada transnacional de portas abertas na Casa da Cultura

Vimianzo acolle ata o 1 de xullo o sexto encontro internacional do proxecto europeo #EuSAVE, baixo o lema Deseño de novas estratexias de desenvolvemento conxunto para poboacións históricas intelixentes e sostibles da UE, que incluirá o día 30 unha xornada transnacional de portas abertas, con acceso libre a todo o público interesado.

O proxecto europeo #EuSAVE – Citizens’ action for Smart Historic Villages, que lidera o Concello de Vimianzo, vénse desenvolvendo desde 2018. O seu obxectivo é crear unha rede de vilas históricas europeas intelixentes que aumente a implicación e a participación dos cidadáns na vida socioeconómica das súas localidades, promovendo accións de compromiso social e definindo estratexias de desenvolvemento local baseadas nas oportunidades que ofrece o patrimonio cultural material e inmaterial deses territorios históricos, como activos para o crecemento rural intelixente, sustentable e inclusivo da UE.

O encontro comporase fundamentalmente de actividades destinadas aos representantes das entidades socias do proxecto (procedentes de Italia, Croacia, Bélxica, Portugal, Bulgaria, Macedonia do Norte, Letonia e Vimianzo), entre elas, visitas dos socios ao patrimonio cultural e natural de Vimianzo e da Costa da Morte e tamén a participación no Asalto ao Castelo e nas degustacións dos Pinchos Irmandiños.

A xornada transnacional de portas abertas do día 30, que terá lugar na Casa da Cultura, comezará ás 12:00, coa apertura e benvida por parte da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e a presentación do proxecto e os seus resultados en cada país socio, cun itinerario virtual por cada territorio e polas leccións aprendidas. A continuación, o especialista en patrimonio cultural Manuel Rial Santos falará sobre O patrimonio cultural de Vimianzo: desde os dolmens ata a actualidade.

A xornada proseguirá a partir das 16.30 cun relatorio titulado O Camiño de Santiago en Galicia e a Costa da Morte, a cargo do xornalista e historiador Antón Pombo, e cunha mesa redonda que acollerá tres puntos de vista sobre o patrimonio rural: Jesús Picallo (vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia) falará sobre as iniciativas de posta en valor do patrimonio cultural na Costa da Morte; Francisco Xabier Almuíña Chorén (presidente de Fegatur) fará o propio coa importancia do patrimonio no turismo rural; e Alexandra Seara Sobrino (xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra) disertará sobre as iniciativas de posta en valor do patrimonio cultural na Ribeira Sacra.

No proxecto #EuSAVE participan 40 pequenos municipios rurais de menos de 10 000 habitantes, de 8 países diferentes, pertencentes ás catro áreas de Europa (Leste, Oeste, Norte e Sur). Os grupos de traballo temáticos transnacionais levan a cabo unha ampla gama de actividades de participación cidadá no marco da rede europea de vilas históricas intelixentes creada polo proxecto. A través destas accións, desenvolverase un mapeamento de boas prácticas das iniciativas de éxito que xorden das sinerxías entre a innovación social e o patrimonio cultural.

29 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.