Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Crise. Representantes do sector plantexaron aos responsables da Deputación a necesidade dun centro de formación // Piden tamén a homologación do Camiño dos Faros // Demandan máis coordinación entre administracións TEXTO J. Ramos

Suma de forzas para reactivar a hostalaría da Costa da Morte

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o vicepresidente e responsable de Turismo, Xosé Regueira, reuníronse este venres cos integrantes da Plataforma de Hostalaría e Turismo da Costa da Morte para recoller as principais demandas do sector en relación coa desescalada e o proceso de recuperación ante a pandemia que estamos a vivir actualmente.

Na xuntanza, analizaron tamén a necesidade dunha coordinación das distintas administracións para impulsar conxuntamente a reactivación dun sector que está a ser dos máis afectados pola crise económica derivada da COVID.

Os portavoces da referida plataforma trasladáronlle ao Goberno provincial as principais preocupacións do sector, neste momento en que é preciso, segundo sinalaron, “sumar forzas para a recuperación da grave crise que padece”.

Ademais de analizar asuntos concretos que afectan ao sector no territorio da Costa da Morte, na xuntanza os membros da Plataforma manifestaron a súa preocupación pola situación e solicitaron unha maior coordinación por parte das administracións nas iniciativas destinadas ao ámbito da hostalaría.

Entre outras iniciativas que contribuirían ao desenvolvemento do sector, a plataforma comentou a posibilidade de implantar o selo FITEC na Costa da Morte que, segundo se valorou, sería unha acción especialmente acaída á filosofía das liñas de axuda da Deputación da Coruña pensadas para a mellora e competitividade do sector.

Por outra banda, os hostaleiros amosaron o seu interese pola posta en marcha de un ou varios centros de formación de hostalaría na Costa da Morte, que, como se destacou na xuntanza, sería un importante recurso para garantir e mellorar a calidade do sector, aínda que a súa implantación depende da Consellaría de Educación.

Outra das cuestións que se puxo sobre a mesa foi a necesidade de impulsar a homologación do Camiño dos Faros como recurso de especial interese no territorio e, neste sentido, o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, comprometeuse a reunirse coa responsábel de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, para abordar a situación do proceso.

A este respecto, a Asociación O Camiño dos Faros, vén de denunciar que a Federación Europea de Senderismo quere darlle a esta ruta que une Malpica de Bergantiños e Fisterra polo bordo litoral o selo das mellores rutas de Europa Leading Quality Trail, que sería a única en España, “pero no pueden porque está bloqueado por la Xunta en colaboración con la Federación Gallega de Montañismo”, afirman.

Hai que lembrar que o referido colectivo impulsou fai máis de seis anos os trámites para homologar o Camiño dos Faros como Ruta de Gran Recorrido GR, conscientes de que iso implicaría un mellor mantemento e sinalización e melloraría así a experiencia e a seguridade dos camiñantes, pero acabaron desistindo ante as numerosas trabas burocráticas cas que se toparon nese dilatado tempo. Recentemente, a referida plataforma vén de solicitar aos concellos polos que discorre a ruta que, alomenos, manteñan limpo e en condicións o percorrido.

O protagonista
“As axudas páganse nun tempo récord”
Valentín González
Presidente da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación, Valentín González, informou que o organismo provincial xa pagou 825.000 euros en axudas a 550 autónomos e microempresas de hostalaría a través do novo plan PEL Reactiva, específico para o sector, que abriu o plazo de solicitudes o pasado luns. Destes fondos, 243.000 euros corresponden a 162 negocios dos concellos da Costa da Morte. As solicitudes a día de hoxe nestas comarcas ascenden xa a 226.

Subliñou ademais que o tempo medio de pago das axudas está a supoñer “un fito histórico para a administración provincial, xa que por primeira vez estanse pagando subvencións no mesmo día en que se solicitan, sendo o tempo mínimo de 0,7 días e o máximo de 3,59”. Esta axilidade na tramitación supón “un punto de inflexión para adaptarnos ás demandas do sector”, engadiu.

As axudas do Reactiva 2 poden solicitarse dende o pasado día 3 maio ata esgotar o crédito dispoñible, de nove millóns de euros. Son subvencións de 1.500 euros por beneficiario. Están destinadas a autónomos e microempresas que figuren dadas de alta no IAE, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021, en calquera dos epígrafes das agrupacións 67 (bares e restaurantes), 68 (hospedaxe), grupo 755 (axencias de viaxe) e epígrafe 969.1 (salas de festa e discotecas), e que non resultaran beneficiarias do PEL-Reactiva.

{ Pasaba por aquí}
Unidos, moito mellor
Manuel Lavandeira

o sector hostaleiro e, en xeral, os profesionais vinculados ao turismo están entre os máis prexudicados polas medidas restritivas que tentan frear a pandemia, polo que é necesario que as administracións públicas lles boten unha man para evitar o peche de moitos negocios. Un apoio que os afectados na Costa da Morte veñen de solicitar á Deputación e que, máis aló das axudas económicas, pode ter tamén outras vertentes que contribúan a dinamizar este xeodestino atlántico. Por iso, puxeron sobre a mesa vellas demandas, como a creación de centros de formación de hostalaría e tamén a homologación do Camiño dos Faros. Reivindicacións que son anteriores á pandemia e que veremos se agora esta crise axuda a darlle resposta.

07 may 2021 / 20:04
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.