Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Toda a oposición de Cee pide que o Concello organice unha verbena o día de fin de ano

A alcaldesa di que o goberno xa está traballando para iso e estudando as opcións e as medidas que deben adoptar

Cee. Os portavoces dos catro grupos municipais da oposición en Cee (PP, IxCee, BNG e Cs) rexistraron este martes unha proposta dirixida á alcaldesa, Margarita Lamela (PSOE), á que solicitan que inicie os trámites oportunos para que o Concello organice unha verbena o día 31 de decembro na praza de Domingo Antonio de Andrade.

Recordan que xa propuxeron a idea no último pleno extraordinario, solicitado tamén polos grupos da oposición por causa da non autorización dun concerto de El Combo Dominicano o pasado día 3. “Proposta que á alcaldía pareceulle ben”, afirman os solicitantes.

Argumentan a súa petición sinalando que “así se evitaría o desprazamento da xuventude a outros concellos, co risco que isto supón; contribuiría ao desfrute da cidadanía e daría un impulso á nosa hostalería nestes tempos tan difíciles para eles polo parón dos dous últimos anos”.

Din ser conscientes de que a estas alturas do exercicio orzamentario as partidas correspondentes ao departamento de Cultura están esgotadas ou comprometidas, pero os concelleiros dos catro grupos manifestan o seu compromiso a aprobar “o correspondente recoñecemento extraxudicial de crédito no mes de xaneiro por un importe igual aos gastos da verbena”.

A alcaldesa asegura que xa se había comprometido no pleno a estudar a proposta “e estou con iso”. Sinala ademais que se a actuación é a partires das doce da noite “xa estaríamos no 1 de xaneiro e, polo tanto, non sería necesario o recoñecemento extraxudicial de crédito”.

Non obstante, Margarita Lamela sinala que haberá que estudar “se é preciso abrir un procedemento de pago anticipado, e tamén ver que actuación se pode contratar, o custo, as medidas de seguridade e ter moi presente o cumprimento das medidas esixidas pola covid”. J. M. RAMOS

08 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.