Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Traballadores de Xeal esixen ante a Xunta que garanta o emprego en Cee e Dumbría

Piden que a Administración autonómica faga cumprir as condicións das concesións

Traballadores e traballadoras de Xeal manifestáronse en Santiago para demandar da Xunta “transparencia” e unha xuntanza para abordar a solicitude dunha nova concesión que a empresa ten presentado en Augas de Galiza para facer unha central de bombeo. Exixen que se cumpran as condicións que teñen as actuais concesións, que contemplan o mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo nas fábricas de Cee e Dumbría, e tamén a actualización do convenio colectivo.

Comezaron así unha serie de concentracións e mobilizacións que terán continuidade diante da fábrica de Cee o xoves 22 ás 14.15 horas e o 29 de setembro novamente en Santiago, diante da Xunta.

O presidente do comité de empresa, Afonso Mouzo, asegura que non entenden “que a Xunta poida darlle á empresa unha autorización administrativa para seguir explotando o caudal ecolóxico cando están incumprindo o título concesional que teñen”, afirma. Por iso, esixenlle que faga valer as súas competencias e obrigue á empresa a cumprir as cláusulas concesionais.

Denuncia que tanto os postos de traballo como a actividade industrial “caeron en picado desde 2019, data na que entraron os novos propietarios”. Daquela, engade, “tiñamos 5 fornos en marcha e agora hai escasamente un en cada fábrica. Eramos 293 traballadores e agora menos de 260. Van 34 traballadores fixos na empresa e uns 80 eventuais que deixaron de traballar en menos de 3 anos. Había empresa auxiliar e agora non está”.

Considera que a Xunta “non pode mirar para outro lado e ten que facerse valer dunha vez por todas, porque estes beneficios caídos do ceo marchan do noso territorio mentres deixan no abandono a nosa comarca”.

Lembra que a empresa ten a concesión de explotacións hidráulicas ligadas á fabricación de ferroaliaxes nas fábricas. “Na sentenza de novembro de 2020 queda constado este feito, porque di ben claro que os terreos foron expropiados de maneira forzosa nunha comarca deprimida para facer actividade nas fábricas de Cee e Dumbría”.

Alén disto o comité denuncia que a empresa está aplicando desde xaneiro deste ano o convenio de siderometalurxia da provincia da Coruña porque “fixo decaer o noso porque non tiña ultraactividade. Témolo recorrido no xulgado pero a empresa non quere xuntarse con nós para falar. A Xunta non fai nada para que isto cambie a se reverta a situación e non nos queda máis que seguir manifestándonos”, concluíu Mouzo.

16 sep 2022 / 08:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.