Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Traballadores de Xeal levan á Xunta as súas demandas

Cee. Representantes de Xeal concentráronse este mércores diante do edificio administrativo da Xunta para reclamar “a súa intervención diante do incumprimento das cláusulas das concesións e para que lle exixan á empresa o cumprimento da sentenza do TSXG”, afirman. Demandaron tamén a reversión dos dereitos de explotación das centrais hidroeléctricas, o cese da represión sindical e a adopción de medidas contra o coordinador que foi sentenciado xa en primeira instancia por acoso sexual.

Segundo explicou o representante da CIG, Alfonso Mouzo, “o comité vén reivindicando xa desde que foi o cambio de titularidade, en agosto de 2019, a maquila que fixeron”. Denunciou que a produción industrial “foi cada vez a menos, que só estiveron cinco fornos funcionando catro meses, en 2019, e que despois a empresa dedicouse á produción de enerxía eléctrica, sen respectar as concesións hidroeléctricas, nin a sentenza de novembro de 2020 do TSXG”.

Unha sentenza, engade, “na que se di claramente que hai que manter a actividade industrial nas fábricas de ferroaleaxes de Cee e Dumbría, así como o emprego”. A este respecto, Mouzo asegurou que en 2019 eran 293 persoas fixas e agora non chegan a 260, polo que entende que non está respectando os acordos das concesións nin a propia sentenza.

Por outra banda, o representante da CIG denunciou que o coordinador de seguridade “segue traballando, a pesares de ser condenado por acoso sexua. Non lle aplicaron ningún expediente na empresa e porén, un compañeiro do comité que foi declarar como testemuña nese xuízo despedírono. Isto é oi mundo ao revés”, aseverou.

Convenio caducado

Por outra banda lembrou que desde o 1 de xaneiro deste ano estáselles aplicando o convenio de sector da industria do metal da provincia da Coruña porque o de empresa non ten ultraactividade. Nese sentido, explicou que pediron unha mediación a semana pasada, “porque nunha comunicación da empresa aos traballadores, do pasado 15 de decembro, dicía que estaba disposta a seguir negociando un convenio colectivo propio”. Porén, denunciou, “no día de onte chegounos a comunicación rexeitando a mediación”.

Diante desta situación, o comité denuncia que a empresa “quere destruír o pouco emprego que hai na Costa da Morte e aínda por riba, agora, atentando contra os dereitos adquiridos que tiñamos os traballadores”.

O comité avanzou que tamén presentará denuncia no Xulgado do Penal contra os incumprimentos da empresa e as posibles complicidades que podan darse por acción ou inacción nos entes públicos ou calquera outra institución, así como polos acordos argallados entre Ferroatlántica e TPG, “polo cal as fábricas de Cee e Dumbría pasaron a ser unha maquila de FerroGlobe, supeditadas ás decisións deste grupo pero fóra do mesmo.”Respecto disto último Mouzo lembrou que seguen dependendo do grupo FerroGlobe, “que é o que nos está pagando as nóminas e estamos como unha subcontrata deles pero con condicións inferiores”. Mouzo asegurou ademais que “desde que chegaron estes novos propietarios aplicáronse dous ERTES e nas outras fábricas de Ferroatlántica que ten no estado espñaol non se lle aplicou ningún. Considerámolo unha falta total de empatía cara nós cando eramos a xoia da coroa”.

O comité mantivo o martes unha xuntanza co grupo parlamentario do BNG e este mércores cos do PP e PSOE e coa directora de Relacións Laborais.

24 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.