Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os traballadores de Xeal demandaron o apoio político no Parlamento galego

Solicitan un proxecto de viabilidade para as fábricas de ferroaliaxes de Cee e Dumbría

Cee. O comité de Xeal mantivo reunións con todos os grupos do Parlamento galego, cuxos representantes, afirman, “trasladaron o seu apoio á demanda dun Plan Industrial e de Viabilidade das fábricas de Cee e Dumbría". Tamén apoiaron, engaden, “a reclamación para que calquera nova autorización administrativa que implique incrementar a produción de electricidade ten que ir vinculada ao emprego, á actividade industrial e ao restablecemento das condicións laborais”.

Agardan agora que os devanditos grupos “especialmente o PP, pola súa maioría no Pazo do Hórreo e pola responsabilidade de goberno que ostenta, dean un paso en firme e insten a empresa e a Xunta a respectar a legalidade”. Lembran que, mentres a produción de ferroaliaxes e o emprego nas fábricas de Cee e Dumbría “foron recortadas ao mínimo, Xeal solicitou un incremento do aproveitamento do caudal ecolóxico do encoro de Santa Uxía e presentou un proxecto de estación reversíbel de bombeo no monte da Ruña, co obxectivo de aumentar a produción de electricidade”.

A este respecto sinalan que calquera autorización administrativa para novos aproveitamentos hidráulicos para a xeración de enerxía deberá estar condicionado ao cumprimento da lexislación aplicable en vigor (incluída a medioambiental), e ao cumprimento e acatamento pola empresa das cláusulas concesionais de acordo aos termos interpretados pola sentenza do TSXG do 5 de novembro de 2020.

Non obstante, o comité lamenta que a día de hoxe nin a Consellaría de Industria, nin a Consellaría de Medio Ambiente, nin Augas de Galiza teñan contestado aínda á solicitude de reunión remitida para coñecer o estado dos expedientes dos proxectos presentados pola empresa. No caso da petición para aumentar o caudal ecolóxico do encoro de Santa Uxía xa presentaron as correspondentes alegacións e, en canto á estación de bombeo no monte da Ruña, o comité dirixiuse ao pleno municipal do Concello de Mazaricos, que vén de aprobar unha moción a prol da táboa reivindicativa do persoal de Xeal.

Un apoio que se suma ao compromiso por escrito do goberno local de promover as xestións precisas coas partes. Pola contra, engaden, os concellos de Dumbría e Cee aínda non se pronunciaron ao respecto das táboa reivindicativa remitida polo comité. “Dada a gravidade da situación e falta de contestación e implicación activa por parte do Goberno galego, malia os reiterados chamamentos dos traballadores e traballadoras e de toda a comarca, o comité tamén solicitará unha reunión co presidente da Xunta para abordar as solicitudes da empresa e a falta de cumprimento das cláusulas concesionais", afirman.

Concentración o próximo xoves

De igual maneira, o comité mantén o calendario de mobilizacións aprobado pola asemblea de persoal e este xoves, 22 de setembro, está convocada unha concentración de 14.15 a 15.15 horas diante da fábrica de Brens (Cee).

21 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.