Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Mario e Fran Pais, da Ponte do Porto, xunto con David Fernández, de Fene, crearon Breiko Breiko para profesionais do transporte en estrada TEXTO José M. Ramos

Unha aplicación ‘made in Costa da Morte’ é número un en Google Play

En apenas un mes, tres emprendedores, dous deles de Camariñas e outro de Fene, conseguiron que a app móbil Breiko Breiko (www.breikobreiko.com), que están a desenvolver no coworking de Carballo, se convertese no nº 1 de Google Play. Trátase dunha aplicación gratuíta orientada aos profesionais do sector do transporte por estrada, e que suma xa miles de descargas en todo o país e unha interminable lista de transportistas rexistrados nun dispositivo que vai camiño de consolidarse como referente no sector.

Detrás deste ambicioso proxecto están Mario e Fran Pais Fondo, naturais da Ponte do Porto (Camariñas) e David Fernández, de Fene. A finalidade da súa aplicación é actuar como complemento aos dispositivos GPS convencionais aportando información útil para o día a día de calquera transportista, xa que informa de incidencias na rede viaria en tempo real, prezos de combustibles actualizados, puntos conflitivos en ruta, áreas de descanso, aparcamentos vixiados e sobre restaurantes específicos para profesionais.

A idea partíu de Mario, que dende hai 20 anos traballa nunha empresa de autocares propiedade da súa familia. Como profesional do transporte por estrada era coñecedor das numerosas queixas sobre as indicacións da maioría de GPS, “que cada vez se magnifican máis dentro deste sector”, afirma. Por iso, engade, “todos vimos que agora, máis ca nunca, era o momento de buscar algún tipo de solución a este problema e lanzámonos a crear esta rede social para os transportistas coa intención de colaborar e facerlles máis amigable o seu día a día”.

Cada un aportou a súa experiencia e coñecementos. Fran é enxeñeiro informático e David dedícase ao desenvolvemento de produtos e servizos e é formador e titor en márketing. Decidiron sumarse ao coworking de Carballo porque “precisabamos dun espazo común para poder traballar, reunirnos os tres e tratar os temas que xorden, repartir tarefas...”, afirma David. Ademais, sinala Fran, “queremos tamén intercambiar coñecementos con outra xente, que sempre pode aportar unha visión diferente á túa”.

Asemade, “a localización é perfecta para os tres”, indica Mario, xa que “Carballo é, sen dúbida, un excelente punto de encontro e o centro neurálxico da Costa da Morte, con servizos, tecido empresarial e boas comunicacións”.

Por todo iso, non dubidan en recomendar este modelo de espazo de traballo compartido, xa que “sumar mentalidades emprendedoras axuda moito nunha sociedade onde predomina máis o funcionariado”, afirma David. As sinerxías que se xeran e o trato persoal con outros coworkers é o que máis valora Fran, mentres que Mario subliña que o “factor económico tamén é importante, sobre todo para un autónomo ou emprendedor. Este espazo permite o desenrolo de moitas actividades sen que teñas que destinar recursos, que na súa suma, poden facer que non sexa viable unha actividade”.

Logo da experiencia e do éxito acadado co seu proxecto, Fran di sentirse satisfeito por “ver como a tecnoloxía pode axudar tanto no día a día de calquera ser humano”, e Mario valora “o feedback positivo da xente e ver que somos unha ferramenta útil”. Para David é importante saber que están construíndo “algo que a xente valora e que podemos desenvolver un modelo de negocio dixital, onde todos gañamos”.

13 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
App
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.