Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ve a luz a ‘A Afogada’, a última novela de intriga da ceense Rocío Leira

Foi a gañadora do XXII Certame de Narración Curta Ánxel Fole do Concello de Lugo

CEE. A escritora ceense Rocío Leira acaba de publicar da man da editorial Xerais A Afogada unha nova novela de intriga para adultos que resultou a gañadora do XXII Certame de Narración Curta Ánxel Fole, convocado polo Concello de Lugo. Este é o seu sétimo libro despois de publicar dúas novelas dirixidas ao público infantil, dous poemarios e tres novelas de intriga para adultos. A Afogada é unha historia chea de mentiras que mantén en alerta ao lector ata a última páxina.

É unha obra de fácil lectura na que a autora trata temas como a adolescencia, as altas capacidades, as relacións familiares ou maltrato machista. A protagonista é Laura Suárez, unha moza superdotada con dificultades para a adaptación social. Despois dunha noite de festa co seu mozo e a súa mellor amiga, Laura desaparece entre as bravas ondas da praia de Riazor. Todo parece indicar que se trata dun fatídico accidente pero o corpo nunca chegou a aparecer. Manuel Cifuentes, un experimentado rescatador mariño e responsable do caso, non cre que a súa morte fose accidental e algo non lle cadra na versión que deron o mozo e a amiga da desaparecida. O caso dá un xiro inesperado coa aparición do diario persoal de Laura. A novela está ambientada na Coruña e nos seus arredores.

A autora

Rocío Leira Castro (Cee, 1979) é licenciada en Matemáticas pola USC e dirixe un centro de formación para universitarios en Santiago de Compostela; unha actividade que dende hai uns anos compaxina coa súa afección pola escritura. Ao longo da súa traxectoria recibiu máis de 200 premios literarios entre os que destacan o Díaz Jácome de poesía para novos creadores, o Valle Inclán de narrativa, o premio de novela curta do Concello de Negreira, o Rosalía de Castro de Cornellá ou o Anduriña Voandeira de Euskadi.

No 2013 publicou Universo Pitágoras, un libro dirixido ao público infantil no que se misturan as matemáticas e a literatura, e despois chegaron O becho que quería comer a avoa (2015), unha novela infantil que aborda a enfermidade do cancro no ámbito familiar; Obituario (2016), un poemario de denuncia social coa violencia machista como protagonista; Inem (2016), un poemario de 800 versos no que aborda o desemprego; Veleno en familia (2019), unha novela de suspense que atrapa ao lector ata o final, na que aborda temas como a situación da muller no rural galego e a complexidade das relacións familiares; e Trescatorcedezaseis (2020), coas matemáticas como fío condutor desta novela de intriga chea de mensaxes cifradas, pistas inquietantes e códigos aparentemente irresolubles.

08 abr 2021 / 20:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.