Versos e música para protexer os Penedos de Traba e Pasarela
Unhas duascentas persoas acudiron á chamada da Plataforma Salvemos Os Penedos para amosar o rexeitamento a tres proxectos de parques eólicos que ameazan a contorna da Paisaxe Protexida dos Penedos de Traba e Pasarela, nos concellos de Laxe e Vimianzo.
Un rexeitamento ao que lle puxeron voz, en forma de versos, os poetas Rosalía Fernández Rial, Arancha Nogueira, Estevo Creus, Diego Cousillas, Miro Villar, Modesto Fraga, Miguel Anxo Fernán Vello, Miguel Mato e Xulio Valcárcel. Este último no puido asistir á cita, pero enviou igualmente uns poemas aos que deu lectura o coordinador do encontro, Fernando Díaz Castroverde.
Non faltou tampouco a música, a cargo do grupo Trubisquiñas e do cantautor César Morán, nun acto presentado polo escritor, músico e comunicador Xurxo Souto, quen convidou a todos os presentes a pedir que “medren os Penedos de Traba e Pasarela”. Unha contorna que definiu como unha “presenza poderosa, xeolóxica, emocional e referencial que armou a poesía do grande bardo de Bergantiños e que vai encher de soños as fillas e fillos das nosas fillas e fillos”. Quixo denunciar ademais que a multiplicación de parques eólicos “non é enerxía verde; esto é capitalismo salvaxe”.
A poeta Rosalía Fernández Rial, tamén quixo reflexionar en voz alta afirmando que “para non extinguirnos como especie só hai dous camiños: un é o da ecoloxía e coidado do planeta, e o outro é o feminismo. Sen esas dúas sendas, non temos futuro”, afirmou.
Entre os asistentes estaban os deputados do BNG Mercedes Queixas e Daniel Pérez; a tenente de alcalde de Vimianzo, María Jose Pose; o ex alcalde e portavoz de Adiante Vimianzo, Manuel Antelo; a concelleira Marta Rey; o exdeputado e profesor da UDC, Carlos Aymerich; e o presidente do Seminario de Estudos Comarcais, Xosé María Lema, quen valorou “moi positivamente” o encontro sinalando que “lembra a resposta cidadá do 2006 en contra da canteira que se pretendía implantar nestes mesmos Penedos”.
Lema Suárez considera que este é un primeiro paso que, xunto coa sinalización da ruta de sendeirismo pola contorna, e todo o traballo divulgativo e reivindicativo feito nos últimos anos, debe facer reflexionar e impedir que xigantes aeroxeradores invadan esta Paisaxe Protexida.
Lembrou ademais que os que non coñecen esta contorna e os seus valores poden facelo descargando de xeito gratuíto da web semescom.gal a Guía dos Penedos de Pasarela e Traba (2012) e o vídeo Os Penedos de Pasarela e Traba, a arte dos dedos no tempo (2011).
Dende a Plataforma Salvemos Os Penedos sinalan que os proxectos éolicos, de levarse a cabo, suporán un impacto visual, lumínico e sonoro nas áreas de poboación, alterarán a franxa litoral de Laxe, afectarán ós cursos de auga, impactarán sobre o ecosistema do val e a lagoa de Traba, atentará sobre Os Penedos e os valores etnográficos e patrimoniais da contorna, e suporán unha a perda económica para a hostalería e o turismo, do valor da terra e de postos de traballo. Como alternativa propoñen repotenciar outros parques eólicos. O vindeiro 12 de xuño continuarán coas súas reivindicacións cunha andaina polos Penedos.
Xeólogo e catedrático
O xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní foi o encargado de pór o peche á xornada reivindicativa guiando unha ruta polos Penedos logo de explicarlles aos asistentes que “cando defendemos Traba e Pasarela estamos defendendo as primeiras rochas de Galicia”.
Unhas formacións graníticas nas que, engadiu, para coñecer a súa orixe hai que remontarse cincocentos millóns de anos atrás, cando as placas de Eurasia e Gondwana se xuntaron “e froito dese choque fundíronse todas as rochas e naquel momento naceu Galicia”.
Subliñou ademais que as diferentes morfoloxías que hoxe podemos contemplar nos Penedos de Traba e Pasarela “se formaron despois do inmenso choque das dúas placas tectónicas, e afloraron á superficie, dende 15 ou 20 quilómetros de profundidade, con estas formas que agora, grazas á erosión, podemos ver”.
Rematou sinalando que o acto celebrado este sábado é unha mostra de oposición “a esa reconquista de Galicia e á colonización do vento”, en alusión aos proxectos eólicos que ameazan a contorna da Paisaxe Protexida dos Penedos.
O coordinador do acto, Xan Fernández Carrera, agradeceulle a Vidal Romaní a súa predisposición “pois sempre se amosou disposto a colaborar en actos de defensa dos Penedos”.
Na sociedade que nos tocou vivir son moitos os que queren converter en ouro todo o que ven, sen decatarse de que, ás veces, o que teñen diante dos ollos pode ter aínda máis valor co prezado metal. Algo así ocorre cos Penedos de Traba e Pasarela. Algúns só ven un monte de rochas, pero son algo máis ca pedras. Tanto é así, que como puxo de manifesto o xeólogo Vidal Romaní, estas rochas son parte da orixe de Galicia, hai nada menos que cincocentos millóns de anos. Isto só xa debería bastar para reflexionar e pensar se compensa dinamitar parte da nosa historia para chantarlle enriba uns aeroxeradores eólicos. A algúns poucos pode que iso lles enchese os petos, pero a todos os demais causaríalles unha perda inmensa e irreparable.