Vimianzo activa máis de mil seiscentos veciños a través do deporte e a cultura
Vimianzo. O Concello de Vimianzo estreou esta semana un novo curso de actividades culturais e deportivas baixo a denominación de Actívate.
Un programa no que destacan as actividades de música contemporánea, patinaxe, palillo, tiro con arco, debuxo, gravado e pintura, pequemotricidade, multideporte e actividades para maiores. Realizaron a preinscrición no programa máis de 1.600 veciñas e veciños.
Cada persoa poderá gozar dun máximo de cinco actividades, sendo necesario un mínimo de dez usuarias ou usuarios para a formación de grupos, agás nas actividades que se especifique o contrario. É obrigatorio acceder ás instalacións cunha máscara de reposto e con puntualidade. As actividades deportivas en espazos pechados rematarán dez minutos antes da hora prevista coa finalidade de ventilar a instalación e de que non se produzan aglomeracións entre a entrada dun grupo e a saída doutro. J. M.