Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 28 noviembre 2021
19:40
h

Vimianzo inaugura un xardín vertical e Camariñas un mural no CEIP de Porto

Zas pon en marcha a primeira Ruta pola Igualdade // A empresa Xeal renovará o seu plan para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar

Na Costa da Morte, a maioría dos concellos promoveron distintas actividades con motivo do Día Internacional da Muller. En Vimianzo, este luns foi inaugurado un xardín vertical no miradoiro Ramón Berra, baixo o lema (Im)plantemos igualdade. Na súa creación participaron representantes de asociacións, clubs, o alumnado do CEIP San Vicenzo e os alumnos do obradoiro de emprego, colocando en total 450 plantas.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, presidiu o acto de presentación, ao que asistiron tamén membros do goberno e da corporación local, traballadores e traballadoras municipais, representantes da Garda Civil e da Policía Local, e integrantes de diferentes asociacións de Vimianzo. Pechou o acto a vimiancesa Irma Macías coa interpretación dun tema musical.

En Camariñas, o Concello homenaxeou e puxo en valor os principais oficios das mulleres da zona a través dun mural no CEIP Ponte do Porto, creado por Mutante Creativo. Na obra retrátanse seis mulleres e seis oficios, incluíndo os labores máis tradicionais, ligados ao sector primario, e outros máis vencellados á investigación e á intelectualidade. O obxectivo é “empoderar e poñer en valor á muller na sociedade”, afirman dende a administración local.

En Zas, o Concello puxo en marcha a I Ruta pola Igualdade. Do 8 ao 15 de marzo quenes o desexen poderán sacar unha foto nos photocall instalados en distintos lugares do municipio e subila ás redes sociais. As tres primeiras persoas que completen a ruta terán un premio sorpresa. Os espazos para facerse as fotos están na Praza do Concello, a carballeira de Zas, os colexios e o IES Maximino Romero de Lema, as Torres do Allo, os pavillóns municipais, a praza do centro de Baio e a ponte de Brandomil.

Pola súa banda, a empresa Xallas Electricidad y Aleaciones (Xeal) está inmersa na renovación do Plan de Igualdade de xénero para adaptalo ás novas necesidades da compañía, que aposta decididamente por medidas que faciliten a conciliación da vida laboral e familiar e que ten un plan desde 2010.

Xeal quere incidir en facilitar medidas para as mulleres que traballan na compañía como o acceso ao emprego, a promoción, a formación e a conciliación. Na última década Xeal multiplicou por sete o número de empregadas, e na actualidade as mulleres ocupan postos de traballo en postos de Dirección, Administración, Laboratorios, Produción e Produtos Rematados, algunhas delas con cargos de responsabilidade e “sempre nas mesmas condicións laborais que os seus compañeiros”, destacan dende a empresa.

María Couto, directora Corporativa de Xeal, afirma que están “totalmente involucrados na renovación do Plan de Igualdade que articulará medidas que propicien unha máis activa incorporación da muller na empresa, en todos os postos que compoñen a nosa organización”.

08 mar 2021 / 19:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
8M
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.