Vimianzo traballa para que a fibra óptica chegue ao rural
Vimianzo. O Concello de Vimianzo , da man de Rede Aberta, da un paso adiante para o depregamento da fibra no rural, logo da xuntanza mantida onte pola alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Benestar Social, María José Pose; a técnica municipal, Lorena Cernadas e o director xeral da compañía, Pere Antentas, e Ana Rodríguez, do departamento económico.
O provedor de servizos de telecomunicacións presentará nun prazo de quince días o plan de despregamento adaptado ás necesidades de Vimianzo. “Supón un avance fundamental para chegar a unha solución a este problema; é unha demanda de gran parte veciñanza”, aportan desde o goberno local.
As obras comezarán en marzo, e no mes de abril poderase contratar o servizo, nun principio, de 600 megas simétricos. Será unha rede “neutra” que está aberta a todos os operadores e á que poderan acceder “os operadores locais e emprendedores”, segundo Pere Antentas. j. m.