Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vinte rutas de dinamización turística vinculadas ao deporte en Camariñas

O Concello lanza o proxecto Camariñas explora, unha iniciativa de dinamización turística vinculada ao deporte a través da que se propoñen 20 rutas sinalizadas co obxectivo de dar a coñecer boa parte do territorio e situarse como destino seguro.

Os técnicos deportivos municipais deseñaron varios percorridos novos e incorporaron algúns sendeiros existentes, chegando finalmente ás 20 rutas que suman en total 220 quilómetros e que están dirixidas a diferentes tipos de usuarios e afeccionados de modalidades como o sendeirismo, o running ou o ciclismo.

Todas as rutas poderán seguirse no móbil. Para iso, habilitouse un perfil na aplicación Wikiloc, que utilizan case 8 millóns de usuarios e na que comparten máis de 22,8 millóns de rutas. A través do perfil Camariñas explora, calquera usuario accederá ás rutas e poderá seguilas de xeito totalmente gratuíto. Ademais, antes de iniciar o percorrido poderá ler unha pequena descrición do recorrido así como comprobar os datos técnicos do mesmo como a lonxitude ou o perfil altimétrico. Todas as rutas incluirán unhas recomendacións para desfrutar de cada actividade. Nos próximos días, as rutas estarán dispoñibles no seguinte enlace: https://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=8513794.

O traballo complementarase co deseño dun folleto e dun adhesivo que se distribuirá en diferentes localizacións e que incluirá un código QR para poder acceder á aplicación. Ademais, cada ruta contará cunha ficha técnica que incluirá a información necesaria para planificar a actividade seleccionada. O concelleiro de Deportes, Fabián Canosa, destaca a importancia de desenvolver iniciativas deste estilo “nun contexto como o actual, no que queremos situarnos como un destino seguro e activo e para iso as actividades ao aire libre deben ser o eixo das nosas actuacións” e lembra que “en Camariñas contamos con un patrimonio natural inmenso que debemos aproveitar ao máximo, e niso estamos”.

30 mar 2021 / 20:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.