Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Volven as concentracións de Xeal ao centro ceense

Os traballadores e as traballadoras de Xeal continuaron este venres co calendario de mobilizacións para esixir o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas das concesións e un calendario de rearranque dos fornos e investimentos que garantan a recuperación da actividade produtiva e o mantemento dos empregos. A partir de hoxe, as concentracións serán ás 18:00 horas e realizaranse ás portas da Casa do Concello de Cee.

Dende o comité lembran que o ERTE rematou o 28 de febreiro e aínda que o persoal está reincorporado nos seus postos de traballo, “a produción está en mínimos, dous fornos continúan sen actividade e non hai previsión de que a empresa adquira materia prima para arrancalos no curto prazo. E iso a pesar de que no mercado internacional de manganesos hai demanda deste material”, afirman.

“A dirección non nos dá explicacións e segue negándose a trasladarnos o plan de viabilidade que supostamente lle presentou á Xunta e a día de hoxe non puxo nin un só euro dos investimentos millonarios comprometidos para as fábricas”, advirte o comité.

A este respecto poñen a atención no “deterioro e desmantelamento progresivo das factorías de Cee e Dumbría e na destrución de emprego que xa se produciu” e fan un chamamento á Xunta para que exerza as súas competencias tanto en materia de industria como sobre a titularidade da concesión dos aproveitamentos hidroeléctricos.

Dende o comité salientan que “non se pode entender nin consentir que Ferroatlántica e TPG-Ithaka poidan consumar, pola vía de deixar morrer as fábricas, a segregación de actividades para quedar co substancioso negocio da produción de enerxía”. Unha desvinculación, engaden, que impiden as cláusulas concesionais e que a xustiza avalou en varias ocasións. E por iso, tamén reclaman coñecer os termos do contrato de compra venda entre ambas compañías, pola transcendencia que ten para o futuro das instalacións xa que condiciona a saída ao mercado do produto que se fabrica na Costa da Morte, tanto na cantidade como no prezo.

Por todo isto, o comité advirte que manterá o calendario de mobilizacións semanais mentres non existían garantías suficientes para a viabilidade das fábricas e o mantemento de todos os empregos.

05 mar 2021 / 17:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.