Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Volven as mobilizacións semanais dos traballadores das factorías de Xeal

Demandan un “convenio digno” e o rearranque dos fornos que están inactivos

O comité de Xeal (antiga Ferroatlántica de Cee, Dumbría e Centrais Hidroeléctricas) acordou retomar o calendario de mobilizacións semanais en resposta ás pretensións da dirección de deixar decaer o actual convenio de empresa e pasar a aplicar o convenio provincial do metal da Coruña, “de condicións salariais, laborais e sociais inferiores”, afirman.

A primeira concentración terá lugar o mércores día 10, ás 17:15 horas, diante da fábrica de Brens (Cee). A estratexia da empresa, denuncia o comité, “pasa por dilatar de xeito indefinido as negociacións até provocar a caída do convenio, valéndose de que o actual texto non recolle a ultraactividade”. Xeal, engaden, “bota así man dun dos aspectos máis lesivos da reforma laboral de 2012 que limitou a vixencia dos convenios, unha vez caducados, a un ano tan só para recortar dereitos económicos, laborais e sociais do persoal”.

Diante desta “nova agresión da empresa” ao dereito á negociación colectiva, o comité ten previsto solicitar unha mediación no AGA para tentar desbloquear a situación e poder iniciar unha negociación real do convenio propio que salvagarde os dereitos do conxunto do persoal.

Pero ademais, coas mobilizacións que comezarán a próxima semana, tamén queren reclamar á dirección un calendario para o rearranque dos fornos parados, que contemple datas concretas e previsións de produción de cara ao vindeiro ano. “É de todo ilóxico e irresponsábel continuar recortando a actividade produtiva das nosas fábricas cando está medrando a demanda de ferroaliaxes no mercado internacional e cando a propia FerroGlobe (provedor e cliente único das plantas de Cee e Dumbría) requiriu que se puxeran en marcha dous fornos, que Xeal se negou a arrancar por disputas entre ambas compañías”, afirman.

Para o comité esta é unha evidencia máis “da fraude que supuxo a operación de venda argallada entre FerroGlobe e TPG-Ithaka, e que o único interese do fondo de investimentos é facerse co negocio da produción de electricidade, materializando pola vía dos feitos consumados a segregación ilegal das actividades e deixando morrer as fábricas e os postos de traballo que delas dependen”. A este respecto demandan, unha vez máis do Goberno galego, “ante os manifestos incumprimentos da empresa no que ten que ver tanto coa produción como agora coas condicións de traballo do persoal tanto activo como pasivo, que declare a nulidade da operación de compra venda e revise e rescate, se procede, as concesións hidráulicas”, conclúen.

06 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.