Zas e o BNG levan o peche de Abanca ata o Congreso dos Deputados
Zas. O alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o deputado do BNG, Nestor Rego, presentarán este xoves, día 16 ás 12:00 horas no Congreso dos Deputados, unha proposición non de lei na que se insta ao Goberno a regular o sector bancario e evitar así o peche de máis oficinas, como o que realizou recentemente Abanca nos Concellos de Zas, Vimianzo e A Baña afectando de forma directa a unhas 10.000 persoas.
Dende o BNG consideran que este peche é un grave problema que está a sufrir todo o país e que se acentúa especialmente no rural. O pasado 8 de setembro, Abanca pechou varias sucursais na nosa comunidade e entre elas as de Zas, Baíñas (Vimianzo) e A Baña. No momento en que coñeceron a decisión, os rexedores trazaron unha serie de accións conxuntas para tentar evitalo, entre as que están a solicitude dunha reunión co presidente da Xunta, unha xuntanza co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, unha concentración diante destas oficinas bancarias e unha manifestación na Coruña.
“Seguimos na idea de que imos esgotar todas as posibilidades para que a entidade reconsidere esta decisión polo que as accións non remataron o día 8 co peche das sucursais”, sinala o alcalde. J. M.