Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A conexión entre o recoñecemento da nacionalidade galega e a Festa do Albariño

No 87º aniversario do IX Congreso das Nacionalidades Europeas recordamos a figura de Plácido Castro, unha rara avis no campo do galeguismo que merece ampliar o seu recoñecemento

Esta semana cúmprense 87 anos da celebración do IX Congreso das Nacionalidades Europeas en Berna, o que daría por ser o primeiro Congreso Internacional ao que Galicia concurriría con voz propia, unha voz que foi levada ata terras suízas polo militante galeguista, xornalista e tradutor Plácido Castro. Recoñecido fundamentalmente pola súa participación nesta xuntanza, mais que constitúe en si mesmo un universo poliédrico que representa o mellor daquel galeguismo, berce da célula de universalidade.

Plácido Castro –ao contrario da maioría das camadas galeguistas da época– proviña dun estrato social acomodado, concretamente “dunha das familias máis adiñeiradas de Galicia na época”, explica Xaime Ríos, un dos membros da Fundación Plácido Castro. Unha situación económica que ven derivada do emprego do seu pai –un importante empresario do carbón–, e que lle valería a Plácido para emprender unha viaxe cara o Reino Unido á temperá idade de seis anos.

Alí, nas illas británicas estudaría nun colexio no que se formou boa parte da Casa Real británica, “un colexio que non era como outro calquera”, como explica Xaime Ríos, que o exemplifica citando algúns dos conferenciantes que acudiron naquela época á institución académica como o escritor e xornalista británico G.K Chesterton. Posteriormente realizaría estudos de filoloxía inglesa na Universidade de Glasgow, toda unha rareza no ambiente galeguista da época que se caracterizaba por ser moi xermanófilo.

Esta primeira estancia de Castro no Reino Unido –de 22 anos– duraría ata o 1.930. Non obstante, a súa aproximación ao galeguismo dase nesta etapa, xa que “realmente o pensamento nacionalista de Plácido articúlase en base a dous fundamentos: as conversas que tiña durante o verán cos irmáns Vilar Ponte na Coruña e, por outra parte, á observación da política británica”, explica Xaime Ríos.

Este amplo coñecemento da política británica valeríalle naquela época para exercer de corresponsal xornalístico para o diario “Informaciones” de Madrid e, en especial, para “El Pueblo Gallego”, de Vigo. Desta etapa, sacaría Castro unha idea fundamental que posteriormente deixaría por escrito nunha das súas crónicas “a mellor maneira de garantir a cohesión dun estado plurinacional é que este exalte e non reprima a diversidade nacional”.

Nos anos inmediatamente anteriores á proclamación da República retornaría a Galicia coa intención de participar activamente na vida política de entón. Aínda que sempre estivera en contacto coa nosa terra, ata daquela tratábase dunha relación máis ocasional, directamente vinculada ás estancias de verán. Na asemblea fundacional do Partido Galeguista celebrada en Pontevedra en decembro de 1931. Plácido Castro participaría como parte da delegación coruñesa, integrada tamén por Víctor Casas, Lugrís Freire e Salvador Mosteiro; e dende esta primeira Asemblea, Castro xa ocuparía cargos de responsabilidade na dirección do partido.

CONGRESO DAS NACIONALIDADES. Todo comezou en abril de 1933, cando Otero Pedrayo coñeceu no Aberri Eguna a Edwald Ammende, secretario xeral do Congreso de Nacionalidades Europeas, organismo vinculado á Sociedade de Nacións (o que na actualidade sería a ONU), que reivindicaba os dereitos culturais e políticos dos pobos europeos integrados en estruturas estatais.

A instancias de Pedrayo, Ammende visitaría Galicia e, como consecuencia desta viaxe, o Partido Galeguista sería convidado ao IX Congreso das nacionalidades. Para acudir a terras suízas “o PG designa a Otero Pedrayo e a Plácido”, como nos conta Xaime Ríos. Non obstante, o primeiro deles finalmente non podería acudir. Desta forma materializase a participación do Partido Galeguista, representado por Plácido Castro que presentou en Berna unha declaración en galego e traducida posteriormente por el mesmo ao inglés, na que se afirmaba o seguinte:

“O Partido Galeguista, partido nacional dos galegos, representado no parlamento español polos deputados Otero Pedraio, Castelao e Suárez Picallo, declara solemnemente que conta con máis de dous millóns de almas e habita a totalidade do territorio de Galiza, é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma, e os seus costumes xustifican esta diferenza dunha maneira absoluta”.

Trataríase deste modo do primeiro recoñecemento internacional de Galicia como nación. Un feito do que Plácido se sentiría profundamente orgulloso, como demostra a introdución realizada na súa crónica para El Pueblo Gallego: “Por primeira vez na súa historia Galicia concorreu con personalidade propia a un Congreso internacional. Someteuse á consideración dun organism oadxunto á Sociedade das Nacións -formado por representantes de case tódolos pobos ou minorías que non atopan salvagardados os seus máis íntimos sentimentos e intereses baixo o réxime oficial do Estado en que viven- un documento no que se fan consta-las circunstancias que xustifican o dereito de Galicia a ser considerada como unha nacionalidade”. O propio movemento galeguista da época, como nos conta Xaime Ríos, “era moi consciente da importancia dese momento histórico. É dicir que un galeguista fora recibido polo presidente do Consello da Sociedade de Nacións ou polo presidente do Parlamento suízo, son cousas que non están ao alcance nin do nacionalismo actual a pesares de contar con maior representatividade.”

OUTRAS FACETAS. Esta militancia galeguista levarían a Plácido a ser perseguido tras a Guerra Civil, véndose obrigado a levar a cabo un desterro de 15 anos no barrio olívico de Coruxo, onde faría fecundo o seu coñecemento lingüistico, primeiro como tradutor e posteriormente tras a súa segunda etapa no Reino Unido, como profesor no Instituto Laboral de Vilagarcía, o que lle permitiría instalarse definitivamente en Galicia, concretamente nas Rías Baixas.

Nesta etapa, o compromiso político de Plácido transmutaría en compromiso cultural, en dous ámbitos: primeiro a tradución e segundo como dinamizador da vida cultural, sempre co prisma identitario. É dicir, desenvolver o progreso do país, coas cousas que lle son propias.

Neste eido, participou da promoción da primeira Festa do Albariño en 1955 ou da Romaría Vikinga de Catoira en 1961. Ademais, de promover nos seus artigos xornalísticos a recuperación do Camiño de Santiago.

Sobre esta labor exercida na Festa do Albariño con outros ilustres do nacionalismo galego como Celso Emilio Ferreiro, os Álvarez Blázquez ou Fernández del Riego, “unha corte de bós comedores e bós bebedores patriotas galegos”, como o define –entre risas– Xaime Ríos.

Unha etapa na que Plácido se comprometeu con difundir e promover os valores culturais e patrimoniais, fondamente galegos, que ao fin e ao cabo, son os que realmente conforman a identidade do pobo galego.

FALTA DE RECOÑECEMENTO. Despois de todo o narrado daranse conta de que estamos ante unha figura excelsa, e se cadra se estén preguntando porque non oíran falar antes del. Para Xaime Ríos a resposta está clara: “Plácido era unha persoa de vangarda, en moitos aspectos, e este tipo de persoas probablemente tardan máis en ser recoñecidas”. Destaca incluso todavía máis o pouco recoñecemento que se fai da súa figura dende as actuais camadas nacionalistas, un feito que non sorprende a Xaime Ríos, que destaca que o nacionalismo móvese con “Castelao, Bóveda e Rosalía, sen destacar a importancia de moitos galeguistas da época ademais de Plácido, como Luís Tobío”. Trátase, se cadra, dun exemplo práctico dunha das máximas do propio Plácido Castro sobre Galicia: “semella como se na nosa Terra a convivencia case familiar nos restase a facultade de perspectiva diante dos nosos grandes homes”.

19 sep 2020 / 09:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.